EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Xunta de Goberno adxudica o servizo de comedores escolares á empresa Serunion

09/02/2016 Esta mañá e de forma extraordinaria reuniuse a Xunta de Goberno Local para adxudicar de forma definitiva o servizo de comedores escolares do Concello de Santiago. Serunion, empresa que estaba a prestar o servizo dende o mes de setembro, resultou a adxudicataria do servizo logo de ofrecer a mellor oferta ante a mesa de contratación, ofertando 1,92 euros máis IVE polo menú de madrugadores e 5,13 máis IVE polo de comedores.

Os pais e nais seguirán a pagar o mesmo polo servizo e será o Concello o que asuma o gasto extra que poida derivarse deste proceso, que está a ser calculado polos servizos económicos municipais.

Melloras
Neste prego inclúense melloras na prestación do servizo e recoñecemento dos dereitos laborais dos traballadores que non se recollían no anterior, de tal forma que os 54 monitores cobrarán pola media hora máis que estaban a traballar.

A partir de agora, o Departamento de Educación centrará os seus esforzos en redactar un novo prego para os vindeiros cursos escolares en estreita e permanente interlocución coas ANPAS. O presidente da Federación de ANPAS da cidade, Fernando Lacaci, xa foi informado polo concelleiro de Educación do resultado da mesa de contratación.

Compartir: