MEDIO AMBIENTE

O CIAC acolle un ciclo de cinema ambiental os domingos deste mes de febreiro

09/02/2016 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís, vai dedicar os domingos do mes de febreiro ao cinema ambiental. Farao a través dun ciclo organizado grazas á colaboración do CEIDA, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, a través do seu Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga. No CIAC poderanse ver tres documentais, que achegan algunhas problemáticas ambientais de gran actualidade e amosan algunhas solucións para elas que pasan unicamente polos nosos hábitos de vida e por unha maior implicación coa protección do noso contorno.

O ciclo de cinema ambiental comezará o próximo domingo, 14 de febreiro, coa proxección de Manual de uso de una nave espacial. Trátase dun documental realizado por Amigos da Terra no ano 2009, que retrata un dos problemas globais máis complexos do noso tempo: o cambio climático.

No domingo 21, no CIAC poderase ver a cinta Tukki. La huella ambienta. Dirixido por Guillermo García Ramos en 2009, o documental reflicte a viaxe que se ve obrigado a emprender un mozo senegalés dende a súa aldea, ante a degradación do solo e a deforestación que sofre o seu entorno. Amósase así a encrucillada na que se atopa o país africano, con zonas comidas polo deserto, con terras cada vez máis secas, e coa perda de bosques que está a arruinar moitos pobos.

O ciclo péchase o domingo 28 con Reiventamos un pueblo, un documental que leva a sinatura da Fundación Ciudad de la Energía. Nel amósase a transformación que sofre o pobo de Tremor de Arriba, na comarca do Bierzo, grazas á restauración ambiental de dúas entulleiras de carbón.

Todas as proxeccións serán ás 17:30 horas. A entrada é de balde, pero o aforo é limitado e cubrirase por orde de chegada.

Máis información, a través do correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal ou chamando ao 981 543 145.

Compartir: