CONSORCIO

A virtuosa violinista polaca Aleksandra Kuls formará neste instrumento a músicos galegos

27/01/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A recoñecida violinista polaca Aleksandra Kuls formará neste instrumento tanto aos estudantes da escola como a alumnos externos interesados en perfeccionar a súa interpretación co violín.

Estas clases celebraranse a vindeira semana ao longo de dúas xornadas. Comezarán o luns 1 de febreiro, pola tarde, en horario de 15:00 a 16:00 horas. E seguirán o martes 2, tamén de 15:00 a 16:00 horas. Os músicos externos ao centro que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Deberán estar cursando os últimos cursos de grao medio como mínimo. Para eles ofrécense un total de quince prazas.

Ademais, a vindeira semana Aleksandra Kuls tocará coa Real Filharmonía de Galicia. Será o o xoves 4 en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia; e o venres 5 no Teatro Jofre de Ferrol. A virtuosa violinista interpretará o Concerto para violín do compositor polaco Mieczyslaw Karlowicz.

Unha virtuosa do violín con tan só 25 anos
Aleksandra Kuls, con tan só 25 anos, xa foi laureada en numerosos certames internacionais. En 2015 completou os seus estudos na Academia de Música de Cracovia. Debutou aos dez anos, ofrecendo o seu primeiro concerto para orquestra.

Ten actuado coas grandes orquestras de Polonia e tamén en Italia, Francia , Alemaña, Turquía, Hungría, Ucraína, nos Estados Unidos e ata en China; baixo a batuta dos directores máis prestixiosos. E acaba de gravar dous CDs.

Compartir: