ESPAZOS CIDADÁNS

O Goberno municipal recolle as demandas veciñais cara a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica de Santiago

23/12/2015 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presidiu unha reunión con diferentes colectivos veciñais, profesionais e culturais, no marco do proceso de revisión do Plan Especial da Cidade Histórica. Jorge Duarte convocounos para escoitar as súas demandas cara o novo documento, e trasladárllas ao equipo redactor. Na xuntanza tamén participou o arquitecto municipal Javier Fernández, que será o responsable da xestión do novo Plan Especial.

Na reunión estiveron representadas asociacións de veciños do ámbito do Plan Especial como A Xuntanza de San Pedro ou As Marías, colectivos culturais como San Martiño Pinario ou Cidade Vella, Compostela Monumental, Hostalería Compostela e a Asociación de Guías de Turismo. Todos estes colectivos fixeron as súas primeiras achegas de cara á revisión do Plan Especial, se ben a intención do concelleiro de Espazos Cidadáns é manter novas reunións por separado con cada asociación.

Jorge Duarte aproveitou a xuntanza para transmitir a idea de que "na revisión do Plan Especial hai que facer fincapé na xestión dos usos da Cidade Histórica, unha vez asumidas cuestións como os niveis de protección deste ámbito". O concelleiro entende que, máis alá de corrixir aspectos técnicos do documento, "é importante que a nova redacción aposte por unha zona vella viva e vivida, que resolva cuestións como as carencias de aparcamento e de infraestruturas, que facilite o acceso á vivenda e que mellore a calidade de vida dos veciños do ámbito". O edil recoñece que as demandas manifestadas onte polos distintos colectivos "non son do todo coincidentes", pero amosouse convencido de que nos próximos encontros se chegará a consensos que son os que se lle farán chegar ao equipo encargado da revisión do Plan Especial.

Compartir: