BENESTAR ANIMAL

Xa hai gañadora do I Certame de Creación "Un animal non é un xoguete"

22/12/2015 Ás portas do Nadal, a Concellaría de Mocidade e Benestar Animal puxo en marcha unha campaña de concienciación para que a cidadanía sexa responsable á hora de facer os seus agasallos. Baixo o lema "Un animal non é un xoguete", o cartel da campaña foi elixido nun certame de creación no que resultou gañadora Carlota Batallán.

A proposta gañadora reflicte á perfección o espírito da iniciativa do departamento que dirixe Noa Morales, xa que amosa un can ao que unha man intenta darlle corda. O traballo foi elixido por un xurado integrado por representantes do Concello e das asociacións animalistas que participan na campaña "Un animal non é un xoguete" (SOS Animalia, Asociación pola Protección Animal Argo, Asociación Protectora de Animais do Camiño, APACA; ADEGA, e Asociación 3.P.A.). A gañadora recibiu un premio de 500 euros.

Durante a presentación do certame, a concelleira de Mocidade e Benestar Animal lembrou que "en Compostela existe unha alta taxa de abandono de mascotas, con picos nos meses posteriores ao Nadal e ao remate das temporadas de caza". Por iso, fixo un chamamento a actuar con responsabilidade á hora de regalar un animal, tendo ben presente a que a persoa que o vai recibir estará comprometida co seu coidado. Ademais, Noa Morales animou á veciñanza a "optar pola adopción, dada a alta ocupación do Refuxio de Bando".

Compartir: