ALCALDÍA

O alcalde participa na entrega dos premios Vodafone á Innovación en Telecomunicacións

01/12/2015 O alcalde de Santiago participou este mediodía, na Cidade da Cultura, no acto de entrega dos Premios Vodafone á Innovación en Telecomunicacións, que por primeira vez nas súas nove edicións se celebrou en Galicia. Martiño Noriega foi o encargado de abrir o acto, cunha intervención na que loubou a iniciativa da Fundación Vodafone España, que premia iniciativas que botan man das Tecnoloxías da Información e a Comunicación cun fin último de carácter social.

O rexedor felicitou os galardoados polos seus proxectos, que mellorarán a calidade de vida das persoas con discapacidade visual e con problemas de audición, e que poderían revolucionar o tratamento do ictus. Ademáis, agradeceulle á Fundación Vodafone España que faga unha aposta pola innovación, e por utilizala como vía para mellorar a vida das persoas.

Premios con carácter social
Na IX edición dos Premios Vodafone España á Innovación en Telecomunicacións foron distinguidos tres proxectos. Na categoría Aplicación Connecting for Good, o galardón foi para o proxecto Lazzus, presentado por Neosentec. Trátase dunha aplicación que axudará ás persoas con discapacidade visual a descubrir o seu contorno, xerando un campo de visión artificial que transmite información sonora.

Na categoría M2M Mobile for Good, o premio foi para o proxecto Visualfy, desenvolvido pola empresa valenciá Fusió d´Arts Technology. O obxectivo deste dispositivo é recoller información sonora para adaptala con sinais visuais e sensoriais, accesibles para as persoas con problemas de audición.

Por último, a Fundación Vodafone España recoñeceu o traballo de Marc Ribó, neurólogo do Hospital Vall d`Hebrón de Barcelona, creador do chamado TeleIctus Móbil. O proxecto, vencedor na categoría de Solución TIC Mobile for Good, permitirá que un neurólogo especializado realice unha valoración inicial sobre o terreo dos pacientes con sospeita de ictus.

Compartir: