SAÚDE

O Concello conmemora o Día Mundial do SIDA con múltiples actividades

01/12/2015 O Concello de Santiago conmemora este 1 de decembro o Día Mundial do SIDA con numerosas actividades, entre as que destaca o lazo de 2 x 10 metros que se colocou na praza do Obradoiro ou a iluminación do Pazo de Raxoi e das Torres Hedjuk de vermello.

Nos actos levados a cabo pola mañá estiveron presentes os voceiros da oposición e o alcalde da cidade, Martiño Noriega, que destacou a importancia "de exercer a memoria sobre unha cuestión como é o VIH, e iniciar unha campaña de sensibilización co reto de conquerir no 2020 ese desexo de contaxios cero". O alcalde quixo involucrar a toda a Corporación e a sociedade civil, mais tamén ás administracións públicas, "da necesidade de investimento no público para que o VIH non caia no esquecemento".

A concelleira de Políticas Sociais presentou ademais en rolda de prensa as actividades que se desenvolverán durante este martes e estivo acompañada dalgúns representantes dos colectivos implicados, como Julio Regueiro, de Ultreia; Gonzalo Diz, de 7Cores Compostela; ou Mikel Resa, sexólogo. Na rolda de prensa, a concelleira destacou a importancia de que o Concello se unise á conmemoración deste día e avanzou o "compromiso que deben adoptar as administracións públicas na prevención e abordaxe desta problemática".

As actividades que comezaron pola mañá continúan esta tarde. O sexólogo, técnico de prevención de VIH e vicepresidente da Asociación Estatal de Profesionais Sexólogos, Mikel Resa, impartirá unha charla-coloquio no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche a partir das 18:00 horas. Na entrada haberá unha mesa informativa a cargo de Quérote + sobre o VIH e a realización da proba rápida de detección en saliva.

Ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal, haberá unha charla a cargo do colectivo Meiga, formado por estudantes de Medicina. As accións finalizarán ás 22:00 horas co reparto de 200 packs e 1000 preservativos nas zonas de ocio da cidade, ao mesmo tempo que se entregarán folletos informativos e carpetas nas reprografías da USC sobre a importancia da protección fronte a este tipo de enfermidades.

Compartir: