CONVIVENCIA

A Policía Local realiza unha campaña de vixilancia do transporte escolar

01/12/2015 A Policía Local de Compostela adhírese á Campaña especial de control do transporte escolar impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico. Realízase dende este luns 30 de novembro e ata o vindeiro venres 4 de decembro.

Durante estes días, os axentes intensificarán as inspeccións sobre os vehículos destinados ao transporte escolar, comprobando que as autorizacións e documentos que deben ter os devanditos vehículos sexan os correctos para a prestación do servizo. Así mesmo, verificarase que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, prestando especial atención ao uso do cinto de seguridade naqueles autobuses que o teñan instalado, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución ou os tempos de condución e descanso.

Ao longo do curso, case medio millón de alumnos utilizan a diario un autobús escolar. Segundo o Observatorio do Transporte de Pasaxeiros por Estrada, estes autobuses desprazan máis de 280 millóns de pasaxeiros ao ano. Aínda así, as taxas de accidentalidade son mínimas.

A seguridade é a máxima prioridade e as cifras de sinistralidade anuais reflicten que este é un sector seguro. O cinto de seguridade é útil en calquera traxecto curto ou longo, urbano e interurbano. No autobús escolar, do mesmo xeito que en calquera outro vehículo, o cinto de seguridade é vida.

O 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos, e en moitos casos trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos pais.

O transporte escolar está sometido a unha serie de normas de cuxo cumprimento depende en moitos casos a seguridade dos seus fillos. Esixilas, a través dos centros educativos ou as asociacións de pais que se encargan de contratar as rutas, é un dereito.

Preto de 17.000 autobuses (ao redor dun 40% de toda a frota privada) realizan servizos de transporte escolar. Dende outubro de 2007 denégase a matriculación a calquera autobús que non leve instalados os sistemas de retención.

Compartir: