ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa despide esta XXIX edición cunha escolma do mellor cinema do ano

28/11/2015 O festival Cineuropa despídese este domingo cunha escolma do cine máis premiado nos grandes festivais. Así, poderase ver Paulina (La Patota), de Santiago Mitre, Gran Premio Semana da Crítica e Premio FIPRESCI en Cannes, ás 18:15 h no Teatro Principal; Ixcanul, de Jayro Bustamante, Premio Alfred Bauer en Berlín, no Salón Teatro ás 18:00 h; Right Now, Wrong Then, de Hong Sang-soo, mellor película e actor no festival de Locarno, ás 20:00 h no Teatro Principal; Chronic, de Michel Franco, mellor guión en Cannes, ás 21:45 h no Salón Teatro; Nahid, de Ida Panahandeh, premio Avenir en Cannes (futuro prometedor), ás 19:45 h no Salón Teatro; e Rabin, the last day, de Amos Gitai, Premio Especial do Xurado no Festival de Sevilla, que se proxectará en Teatro Principal ás 22:30 h. A continuación, á 01:00 h no mesmo Principal, pasarase The Arena of Murder, do propio Gitai, unha variante do mesmo tema que rodou en 1996.

No Salón Teatro exhibirase de novo, ás 16:30 h, 13 minutes, de Oliver Hirschbiegel, un filme sobre o atentado que estivo realmente preto de eliminar a Hitler, que foi valorado polo público de Cineuropa cun 8,25. E ás 23:30 h no mesmo Salón Teatro, proxectarase The Girl in the photographs, de Nick Simon, a nosa homenaxe a Wes Craven coa última das súas producións que segue a liña habitual do cineasta: asasino en serie e moito humor.

A programación completarase co cine de animación de Bakemono no Ko (The Boy and the Beast), de Mamoru Hosoda (ás 16:00 h no Teatro Principal); Yes, we fuck, de Antonio Centeo e Raúl da Morena, un reivindicativo documental sobre a liberdade sexual para todos (en pase matinal, ás 12:00 h no Teatro Principal); e películas da sección Roxos e Marcianos: a caza de bruxas en Hollywood que se proxectarán, con entrada libre, no CGAC e a sede Afundación.

Ademais, a Banda Municipal de Música ofrece un concerto ás 12:30 h na Sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta), dirixida por Juan Miguel Romero Llopis, no que lle poñerán música en directo ás curtametraxes O Xigante, de Nani García, e Mejor pídelo tú, de M. Muñoz Gascón, e interpretarán diversas bandas sonoras. A entrada ao concerto é de balde previa retirada de entradas na billeteira do Teatro Principal ou o propio día do concerto na sala de celebración do mesmo.

Direccións relacionadas



Compartir: