XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba un expediente de modificación de crédito por 653.000 euros

27/11/2015 A Xunta de Goberno aprobou hoxe un expediente de modificación de crédito por un importe de 653.157,67 euros, co que o Executivo local quere facerlle fronte a unha serie de gastos que non podían ser abonados doutro xeito. O expediente terá que ser sometido agora ao visto bo do Pleno da Corporación.

A concelleira de Facenda, María Rozas, explicou que o expediente de modificación de crédito faralle fronte a distintos tipos de gastos. Por unha parte, servirá para abonar facturas que quedaran pendentes do anterior Executivo, e que tiñan algún tipo de reparo por entenderse que se tiña realizado fraccionamentos de pago. Neste lote figuran fundamentalmente facturas de marzo e abril de 2015, pero tamén de agosto e decembro de 2014. En concreto, trátase de 38 facturas de entre 400 e 3.000 euros, que suman un total de 95.522,64 euros e que teñen que ver con obras de mantemento de vías.

Por outra parte, o expediente aprobado hoxe pola Xunta de Goberno permitirá habilitar crédito para proxectos que foran orzamentados de xeito deficiente nas contas municipais de 2015. É o caso de distintas actuacións do programa Urbana Santiago Norte, para as que non se contemplara no presuposto o 10% adicional en concepto de certificación final de contratos de obras, e para as que agora se habilitan 266.513,46 euros. O Goberno anterior tampouco preveu ese 10% adicional nos orzamentos do SUNP-11 do Castiñeiriño, e no expediente de modificación de crédito resérvanse para este proxecto 203.581,23 euros.

Por último, no expediente habilítase crédito para proxectos deficitarios de exercicios anteriores coma o subministro e instalación de sensores de tráfico en Conxo, asfaltado entre Lavacolla e Mourentán, áreas de xogos infantís en Verdía e praza de Galicia e grupo de bombeo e abastecemento de auga na Peregrina.

Recoñecementos extraxudiciais de crédito
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se lle deu luz verde a varios expedientes de recoñecementos extraxudiciais de crédito, por un importe total de 457.662,71 euros. Entre eles figuran facturas de subministro eléctrico de febreiro e marzo de 2015 ou gastos de asfaltado e reparación de beirarrúas (sempre fragmentados en facturas de menos de 3.000 euros e correspondentes á pasada lexislatura). Do mesmo xeito, a Xunta de Goberno aprobou o recoñecemento de obrigas, por un importe total de 212.617,70 euros.

Documentos relacionados



Compartir: