ACCIÓN CULTURAL

Tina Sainz, Álvaro de Luna e Juanjo Artero presentan en Compostela "El hijo de la novia"

27/11/2015 Ados Teatroa (Euskadi) e Pentación Espectáculos (Madrid), presentan este domingo en Compostela a adaptación teatral da coñecida película arxentina El hijo de la novia. Adaptan o texto orixinal, de Fernando Castets e Juan J. Campanella, José Antonio Vitoria e Garbi Losada e, de feito, Losada dirixe tamén a obra na que poderemos ver en escena a Tina Sainz, Álvaro de Luna, Juanjo Artero, Mikel Laskurain e Sara Cozar. A obra estará este domingo, 29 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia.

"El hijo de la novia é unha historia das que fan grande a comedia, e gran parte do seu acerto baséase en que case todas as súas escenas, no medio de diálogos dramáticos, despregan o sentido do humor… e o que a fai grande é saber pasar imperceptiblemente do drama á risa mentres amosa o fracaso cotián das personaxes, a crise das relacións sociais e familiares, dos ideais…" Así fala a directora Garbi Losada da trama traxicómica da película de Fernando Castets e Juan. J. Campanella levada agora ao escenario teatral.

Rafael, o protagonista, non está conforme coa vida que leva, non conecta coas súas cousas nin coa xente, nunca ten tempo para nada e busca consolo nos vellos capítulos da súa serie favorita, El Zorro. Inmerso nunha crise económica e de valores, cun restaurante e unha relación que non funcionan, unha nai con Alzheimer á que apenas visita… sente que non cumpre as expectativas de ninguén e só aspira a que o deixen en paz. A historia de amor dos seus pais e a aparición dun vello amigo, cousas que en principio vive como un problema, acabarán por ser o revulsivo para volver a facerse co temón da súa vida…

As entradas teñen un prezo de 22 euros e poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com e no 902 434 443. Ademais, o propio día do espectáculo, tamén se poderán mercar no despacho de billetes do propio Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas.

Compartir: