IGUALDADE

O Concello de Santiago reivindica o fin das violencias machistas

25/11/2015 O Concello de Santiago amosou esta mañá na praza do Obradoiro a súa repulsa polas violencias machistas no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O alcalde da cidade, Martiño Noriega, deu lectura ás 11:25 da mañá dun manifesto redactado por todos os grupos políticos para reivindicar a fin dos feminicidios. Noriega estivo acompañado dos membros da Corporación, asociacións e veciños e veciñas da cidade que se achegaron á praza no momento da lectura do manifesto.

O alcalde lembrou que, no que vai de ano, "seis mulleres foron asasinadas no conxunto do país e 42 no Estado español, no que é a expresión máis extrema das desigualdades de xénero que viven as mulleres. Dende o Concello de Santiago de Compostela consideramos que é preciso unha resposta unánime e firme de todos os poderes públicos e da cidadanía no seu conxunto, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres".

Outros actos
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres hai previstos outros actos ao longo do día. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, que estivo tamén presente na lectura do manifesto, participou esta mesma mañá na charla convocada pola Asociación de Mulleres Xornalistas na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Ademais e dentro do festival Cineuropa proxectaranse a partires das 18:15 horas no Salón Teatro tres películas relacionadas con esta temática. É o caso de Nahid, El incendio e Paulina:La Patota.

Documentos relacionados



Compartir: