ACCIÓN CULTURAL

Juan Tamariz presenta "Maxia potaxia" este sábado no Auditorio de Galicia

27/11/2015 O mago Juan Tamariz chega este sábado a Compostela para presentar o seu espectáculo Maxia potaxia, dentro da programación infantil e familiar da Concellaría de Acción Cultural. Será a partir das 20:30 h cando o poderemos ver no Auditorio de Galicia. As entradas teñen un prezo de 25 euros e poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com. Ademais, o propio día poderán mercarse dende as 18:00 h no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.

Maxia Potaxia é un compendio dos mellores números de Tamariz, en compañía da maga colombiana Consuelo Lorgia, quen asombrará ao público coas súas dotes telepáticas. É un espectáculo divertido e sorprendente no que se poden ver os mellores números e ilusións realizadas nos 40 anos da carreira de Juan Tamariz quen solicita a participación do público, facendo maxia de preto, pero proxectando sobre unha pantalla.

Biografía de Juan Tamariz
Juan Tamariz naceu en Madrid o 18 de outubro de 1942. Coñeceu a maxia á idade de catro anos, cando os seus pais o levaron a un teatro a ver a un mago, e desde ese momento decidiu iniciar a súa aprendizaxe máxica. Tan pronto como tivo o nivel suficiente de maxia aprendida empiricamente, pediu prestados os que serían os seus primeiros libros de maxia. Empezou ademais a presentar espectáculos ante públicos cada vez máis numerosos, e a prepararse para ingresar na Sociedade Española de Ilusionismo (SEI). Presentouse na SEI á idade de 16 anos, pero non foi aceptado porque non tiña a idade mínima. Juan, con todo, volveu presentarse cando tiña 18 anos e solicitou o exame de ingreso. Despois de asombrar aos examinadores ingresou na sociedade sen que lle fose esixido cumprir o requisito mínimo de idade. Fundou, xunto con outros compañeiros, a Escola Máxica de Madrid. Juan casou coa colombiana Consuelo Lorgia en 2008, maga de profesión tamén.

Despois de varios premios nacionais e o segundo posto no FISM xunto a Juan Antonio, en 1973 Tamariz deu o seu salto definitivo cara á gloria, cando gañou con honras o Premio Mundial de Cartomaxia no Congreso Mundial de Maxia, celebrado en Francia. Durante a súa carreira profesional combinou xiras, conferencias para magos de Europa, América e Asia, charlas culturais sobre historia da maxia para públicos profanos coas súas actuacións en vivo e en televisión.

Ao longo da súa carreira, Tamariz apareceu nunha enorme cantidade de programas de televisión, tanto dentro como fóra de España, contribuíndo á evolución da maxia e a súa difusión por este medio. O seu debut ante as cámaras produciuse no ano 1961; anos máis tarde apareceu con asiduidade en Buenas Tardes (1972), o programa que presentaba Raúl Matas. En 1976 presentou, xunto a Julio Carabias, un espazo dedicado ao mundo da prestidixitación: Tiempo de Magia. Ese mesmo ano puxo a proba as súas dotes de actor interpretando a Don Estrecho, un dos Tacañones do concurso Un, dos, tres... responda otra vez. Abandonou o programa tras actuar en 53 episodios, en febreiro de 1977, e incorporouse ao espazo infantil El Recreo, onde deslumbraba aos máis pequenos cos seus trucos de maxia.

En anos sucesivos continuou aparecendo no famoso Un, dos, tres, esta vez na súa condición de mago. Tamén conduciu os seus propios espazos de maxia en distintas cadeas: Por arte de magia (1981-1982) e Magia Potagia, xunto a Pepe Carroll, ambos en TVE, e Chantatachan (1992) en Telemadrid, acompañado de Alaska. Apareceu en Carta Blanca (TVE2) en 2006, co seu propio programa e en varias seccións e ocasións no programa dedicado á maxia Nada x aquí (Cuatro). Algunhas das principais cadeas mundiais nas que interveu son NBC (EE. UU.), NHK (Xapón), JTV (Inglaterra), TF1 (Francia) e RTP (Portugal), así como series de programas para Caracol TV e RCN (ambas de Colombia), e Canal 13 (Chile).

Compartir: