DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A Cidade da Cultura acolle a cen empresas que participan nunha nova edición da xornada de dinamización Getting Contacts

24/11/2015 A Cidade da Cultura acolle o xoves 26 unha nova edición de Getting Contacts, xornada de encontro e intercambio empresarial, organizada pola Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago, co financiamento da Deputación de Coruña, dentro do programa Compostela Móvese. Está previsto que participen arredor de cen empresas.

Nesta edición, a Xornada esta dedicada á Creatividade e Tecnoloxías da Información e a Comunicación, e diríxese a persoas emprendedoras, profesionais e empresas co obxectivo de facilitar contactos técnicos e comerciais para atopar nova clientela, colaboracións, empresas provedoras, e/ou distribuidoras. Precisamente polo seu contido, a organización da xornada conta coa colaboración do Clúster TIC de Galicia.

Cada persoa participante desenvolverá unha media de 15 contactos nesta xornada con distintos cargos profesionais e empresas. A propia organización, en base aos perfís e intereses das empresas participantes, deseña unha axenda personalizada de 10 contactos por cada participante máis un listado detallado das empresas participantes.

A maioría das empresas participantes son da provincia da Coruña, aínda que tamén hai unha presenza relevante da provincia de Pontevedra, con arredor de 20 empresas. Practicamente a totalidade dos participantes son emprendedores ou directivos de PEMES, das cales a maioría son do sector TIC, como empresas de deseño, informática, comunicación, ou de sectores vinculados co propio sector TIC, como corredurías de seguros, empresas de formación, despachos xurídicos...

Compartir: