IGUALDADE

A campaña Compostela en Negro pon o broche de ouro cun vídeo no que participan voluntarios e comercios adheridos

24/11/2015 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, a deseñadora da campaña Compostela en Negro, Uqui Permui, e a responsable da súa coordinación técnica, Lucía Canoura estiveron esta mañá no Teatro Principal para presentar a parte audiovisual desta campaña, promovida dende a Concellaría de Igualdade.

Trátase dun vídeo elaborado pola propia Uqui Permui que recolle a grande acollida e participación dos 278 establecementos adheridos á campaña, entre os que se atopan ademais axentes sociais coma o equipo compostelán Santiago Futsal.

A concelleira de Igualdade destacou "a corresponsabilidade de toda a cidade nesta campaña, tanto das persoas propietarias como das traballadoras, que se involucraron desde o primeiro momento con Compostela en Negro. Marta Lois lembrou que "esta iniciativa partiu en setembro dunha idea base que foi cobrando forma ata cristalizar na semana do 19 ao 25 de novembro". Ademais recordou as arrepiantes cifras de mulleres asasinadas durante este ano, "42 no conxunto do estado e 6 en Galicia".

A responsable da coordinación técnica da campaña, Lucía Canoura, destacou a importancia da transversalidade neste proxecto, que "conseguiu a colaboración do comercio, o turismo, o deporte e a acción cultural en aras da igualdade", así como a propia Alcaldía e a oposición, que fixeron un percorrido polos establecementos da cidade que se adheriron á campaña

Cineuropa
No marco do Festival de cine Cineuropa, mañá mécores, 25 de novembro, proxectaranse no Salón Teatro tres películas relacionadas coa violencia de xénero.

A primeira, ás 18:15 horas, será El incendio, do director Juan Schnitman. A película achéganos á vida de Lucía e Marcelo e a verdadeira relación que manteñen, que se amosa nas 24 horas que se manteñen á espera mentres asinan a compra da súa nova vivenda.

Paulina: La patota é un filme de Santiago Mitre sobre unha moza avogada que regresa a súa cidade para dedicarse a labores sociais. Traballa nun programa en defensa dos dereitos humanos en zonas humildes da periferia da cidade. Tras a segunda semana de traballo, é interceptada e atacada por unha patota (banda). A película proxectarase no Salón Teatro ás 20:00 horas.

Ás 22:15 horas será a vez de Nahid, de Ida Panahandeh, un filme sobre unha muller iraní que vive co seu fillo de dez anos nunha cidade ás beiras do Caspio. Está divorciada do seu marido e, segundo a lexislación do país, é el a quen lle corresponde a custodia. Iso si, loitando polo seu fillo, chega a un acordo co seu marido para quedar coa custodia a cambio de non casar. Todo se complica cando se namora dun home perdidamente.

Máis actividades
A Agrupación de Mulleres Xornalistas organiza mañá mércores, ás 10:30 horas, unha xornada no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Leva por título "As fontes de información en violencia de xénero", un evento ao que acudirá a concelleira de Igualdade, Marta Lois.

Ademais, ás 11:25 horas, darase lectura dun manifesto na praza do Obradoiro con motivo da conmemoración do Dia Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O Concello de Santiago amosará así o seu compromiso coa loita contra as violencias machistas e coa igualdade plena entre mulleres e homes.

Direccións relacionadas



Compartir: