LINGUA

O Goberno local comprométese a darlle un novo pulo ao programa Apego

23/11/2015 O Goberno local traballa co obxectivo de revitalizar o Programa Apego, que naceu hai seis meses co obxectivo de fomentar o uso do galego entre a infancia e de promover a socialización na nosa lingua no eido familiar. Así o asegurou o alcalde, que esta mañá presentou o obradoiro "Recursos en galego para a educación infantil", que se vai desenvolver ao abeiro do Apego. Martiño Noriega incidiu en que "Compostela é a capital da lingua, e temos que seguir co traballo en prol da dinamización do galego que se empezou na cidade hai xa tres décadas".

Dentro do compromiso por revitalizar o programa, o alcalde salientou que o departamento de Lingua se está a coordinar coas concellerías de Políticas Sociais e Educación, co obxectivo de poñer en marcha novas accións para promover o uso do galego na infancia. Tamén se está a traballar co SERGAS, para que as matronas e o persoal de pediatría se impliquen nos obxectivos da campaña.

Martiño Noriega, quen estivo acompañado na rolda de prensa pola técnica municipal de Lingua, Socorro García Conde, explicou que, despois de seis meses de andaina, no Apego están inscritas 50 familias. Ese número vai medrando, e o obxectivo do Goberno é incrementalo sensiblemente, manter coas familias unha comunicación aberta e recoller as súas propostas para mellorar o programa. Tamén se vai ampliar o número de Concellos participantes, tal e como quedou de manifesto no Encontro de Política Lingüística Municipal celebrado hai unha semana en Santiago. A día de hoxe, no Apego participan doce municipios (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo).

Obradoiro de Recursos en Galego para a Educación Infantil
No marco do programa Apego, o Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche vai acoller os días 5,12 e 19 de decembro un Obradoiro de Recursos en Galego para a Educación Infantil, dirixido a educadores e coidadores das escolas infantís. O obxectivo é darlles conta dos recursos en galego que teñen ao seu dispor, materiais ás veces descoñecidos e que non teñen o uso que merecen polo costume de consultar fontes de información en castelán. Iso prexudica a socialización en galego, porque as nenas e nenos pasan moito tempo nas escolas infantís e nas ludotecas.

Para o obradoiro ofertáronse 50 prazas, 25 por quenda, e o número quedou pequeno para atender todas as peticións que chegaron, non só de Santiago, senón tamén de escolas infantís doutros concellos. Por iso, o alcalde comprometeuse a ampliar esta acción formativa en próximas edicións.

Os participantes no obradoiro poderán coñecer o material que existe en galego nos eidos do xogo, a música, o audiovisual, os contos, e os libros didácticos. Tamén se fará unha análise conxunta da situación do galego, e presentarase o portal aliali.gal.

Direcciones relacionadas



Compartir: