IGUALDADE

O alcalde e a concelleira de Igualdade visitan algúns dos establecementos adheridos á campaña "Compostela en Negro"

23/11/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Marta Lois, fixeron este luns un percorrido polas rúas do Ensanche, onde comprobaron a grande acollida que tivo entre o comercio da cidade a campaña de sensibilización sobre a violencia de xénero impulsada desde a Concellería de Igualdade, Compostela en Negro. No seu percorrido estiveron acompañados polos voceiros do BNG, Rubén Cela; do PP, Agustín Hernández; e polo concelleiro socialista Gonzalo Muíños.

Martiño Noriega e Marta Lois visitaron ademais tres pequenos comercios da cidade adheridos a esta campaña: a tenda de roupa Esquina, na rúa do Hórreo; a tenda Kookai, en Doutor Teixeiro con República do Salvador; e a tenda de complementos Things, tamén en Doutor Teixeiro. O alcalde e a concelleira charlaron coas propietarias e traballadores e traballadoras dos locais, aos que lles agradeceu a implicación na campaña.

Martiño Noriega destacou a alta participación, con case 300 establecementos adheridos, e asegurou que "se superaron as expectativas iniciais, obtendo moito retorno por parte dos establecementos, sobre todo do pequeno comercio". Ademais, dentro da campaña de sensibilización contra a violencia de xénero estanse a desenvolver máis actividades. Hoxe, co espectáculo teatral Fillas Bravas, dirixido a 450 adolescentes dos IES de Pontepedriña, Fontiñas, Antón Fraguas e Xelmirez I. Esta peza expón modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais que agochan valores como a independencia e a autonomía.

Mañá martes presentarase no Tearo Principal o vídeo de 25N: Compostela en Negro elaborado pola deseñadora Uqui Permui dende o 19 de novembro, unha presentación á que están convidados os comercios adheridos e o público en xeral. Farase tamén unha presentación das películas vencelladas a esta temática que se proxectarán o mércores, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, dentro do festival Cineuropa, xunto co seu director José Luis Losa.

Finalmente, o mércores, ás 11:25 horas, darase lectura dun manifesto en contra da violencia de xénero na praza do Obradoiro.

Direccións relacionadas



Compartir: