POLÍTICAS SOCIAIS

Alumnos de catro colexios participarán no pleno infantil polo Día do Neno

16/11/2015 Con motivo da celebración do Día do Neno, o Concello acollerá este 20 de novembro un pleno infantil, no que participarán 25 alumnos e alumnas de catro colexios composteláns. Ademais, haberá unha xincana, un obradoiro informativo, un obradoiro creativo de TV e actividades de reforzo dos dereitos básicos da infancia.

O 20 de novembro de 2015, a Convención sobre os Dereitos do Neno/a (CDN) cumpre 26 anos. Este aniversario presenta unha oportunidade para dar especial relevancia á infancia na axenda pública, reafirmar a vixencia da Convención e poñer a mirada nos cambios necesarios para que o seu contido sexa realidade para todos os nenos, en calquera lugar.

Coa idea de facer visible este Día Internacional dos Dereitos do Neno/a, dende a Concellaría de Políticas sociais, Diversidades e Saúde programáronse diversas actividades, que se levaran a cabo durante estas dúas semanas, do mércores 18 de novembro ata o luns 30 de novembro, en diferentes centros educativos de Infantil e Primaria do concello. Estas actividades contarán coa participación de diferentes entidades que traballan os dereitos da infancia.

Este venres 20 de novembro, ás 10:30 horas, celebrarase o pleno infantil no Concello de Santiago, co obxectivo de compartir ideas, dar aos nenos e nenas a opción de propoñer iniciativas coas que mellorar o cumprimento da CDN na súa contorna e promover o seu dereito para decidir sobre os temas que lles afecten a nivel local. Participarán 25 alumnos e alumnas de 6º de primaria de catro centros da cidade: CEIP López Ferreiro , CEIP Monte dos Postes, CEIP Fontiñas, CEIP Lamas de Abade.

Máis actividades
Está prevista unha actividade con nenos e nenas de educación infantil a cargo de Seminario Galego de Educación para a Paz. A través dun photocall representaranse os dereitos básicos que asisten á infancia mediante conceptos sinxelos, e toda a actividade quedará reflectida nun vídeo e mediante fotografías. Empregaranse disfraces (princesas para os nenos e cabaleiros para as nenas), doutores, mestres; construiranse con eles máscaras e outros obxectos para que representen estes dereitos; e faranse micro debates con eles.

Ademais realizarase un obradoiro creativo de TV e vídeo a cargo de Asemblea de Cooperación Pola Paz sobre os dereitos da Infancia, con nenos de 6º de Primaria, e unha xincana con Cruz Vermella, coa temática dos Dereitos da Infancia. Por último, farase un obradoiro formativo por Aldeas Infantiles SOS Galicia, dirixido a familias acolledoras do Concello de Santiago. Terá lugar en CABES o mércores 18 de novembro, ás 10:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: