EDUCACIÓN

Un traballo de cine do IES Porto do Son gaña a IV edición de Educacompostela

06/10/2006 O IES Porto do Son foi o gran triunfador da IV edición dos premios Educacompostela, ao gañar o primeiro e o segundo premio. Estes galardóns recoñecen aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia.

O xurado designou como gañador deste ano un traballo titulado "SonCine" do IES Porto do Son, dirixido por David Pérez Iglesias e que inclúe unha curtametraxe que trata a problemática do acoso escolar. O segundo clasificado foi tamén este centro, esta vez da man dos alumnos de 4º de Primaria, cun traballo chamado "O Millo", sobre a utilidade, conservación, tarefas, ferramentas e xogos ao redor do millo. O terceiro premio foi para "Convivencia e interculturalidade no noso centro", realizado por integrantes do IES Antón Fraguas e que presenta un proxecto arredor da convivencia e a interculturalidade no centro.

Tamén houbo unha mención para o traballo titulado "A boca e os dentes". Un grupo de profesionais do Centro Educativo Andaina de Culleredo elaborou este material didáctico en formato CD e en papel, con contidos sobre a hixiene e a saúde bucodental. Está destinado a nenos e nenas de 5 anos, que están a sufrir a caída dos dentes.

Compartir: