ALCALDÍA

O alcalde recibe a directiva do Ateneo

13/10/2015 Martiño Noriega comprométese a estudar a posibilidade de incrementar a subvención nominativa que recibe a entidade.

O alcalde recibiu esta mañá á directiva do Ateneo de Santiago, dentro das xuntanzas que vén mantendo coas entidades máis representativas da cidade. Na reunión con Martiño Noriega participaron o presidente da asociación, Salvador García-Bodaño, o vicepresidente, Manuel López-Rivadulla, o secretario, Francisco Candela, e unha das vogais, Pilar Sampedro.

No encontro, o presidente do Ateneo fíxolle entrega ao alcalde dunha memoria con todas as actividades que a asociación levou a cabo desde o seu rexurdimento, en 2008, ata a actualidade. Trátase de iniciativas xa consolidadas como os Faladoiros, os Luns do Ateneo, cursos de formación, ou visitas guiadas a exposicións.

Compromiso orzamentario co Ateneo
O alcalde quixo recoñecer o traballo do Ateneo, "que está a construir un espazo de debate e dinamización do espazo cívico da cidade, tanto coas súas actividades propias como en colaboración con outras entidades". Por iso, Martiño Noriega comprometeuse a estudar a posibilidade de redimensionar a subvención nominativa que vén recibindo o Ateneo, que actualmente ascende a 3.400 euros, por debaixo do que reciben asociacións semellantes.

O Ateneo de Santiago é unha asociación sen ánimo de lucro, constituida no ano 2002 e que rexurdiu en 2008 coa intención de fomentar a participación activa da sociedade civil na vida cultural de Compostela. Da entidade forman parte profesores universitarios, avogados, arquitectos, médicos e profesionais de diferentes áreas, que fixeron do Ateneo un espazo de participación, entendemento, coñecemento e profundización en todos aqueles temas de interese para a cidadanía. Para iso, a asociación promove unha ampla e diversa oferta de actividades como conferencias, seminarios, debates ou exposicións, sempre co obxectivo de converterse en foro de opoinión plural e independente, aberto a toda a sociedade compostelá.

Compartir: