MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia encarga un informe sobre os puntos negros da cidade en caso de temporal

09/10/2015 Xan Duro presidiu esta mañá unha reunión para analizar as causas das inundacións do pasado luns.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presidiu esta mañá unha reunión que tiña como obxectivo analizar as incidencias rexistradas o pasado luns, por mor do temporal. Na xuntanza participaron os xefes da Policía Local e dos Bombeiros, a xefa de Protección Civil, os xefes de servizo de Tráfico, Servizos e Contratación, e técnicos de Viaqua, Ferrovial, Urbaser, e o departamento municipal de Parques e Xardíns.

Na reunión constatouse que Compostela tén problemas estruturais que favorecen as inundacións e colapsos en determinados puntos ante temporais coma o desta semana, e que teñen que ver con obras executadas por anteriores gobernos municipais, Deputación e Ministerio de Fomento. Por iso, na xuntanza acordouse encargar un informe coordinado entre os Bombeiros, a Policía Local e Viaqua, para elaborar un mapa destes puntos negros. Trátase de saber que administración tén a competencia sobre cada un deles, cal é o problema concreto, e cales son as posibles solucións. Unha vez estea rematado este estudo, a concellería de Medio Ambiente e Convivencia adoptará as medidas que sexan precisas para paliar os efectos dos temporais.

En canto ao acontecido no pasado luns, na reunión quedou constatado que os asolagamentos foron o resultado de múltiples factores. Aos problemas estruturais citados hai que engadir que a alerta laranxa se rexistrou no domingo, cando traballan menos operarios. As fortes rachas de vento tiraron unha enorme cantidade de folla que foi imposible retirar por completo antes das 10.30 da mañá do luns, momento no que se rexistraron unhas enormes trombas de chuvia. En menos dunha hora caeron 27 litros de auga por metro cadrado, que colapsaron os sumidoiros nos considerados puntos negros da rede.

Compartir: