XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o contrato de roza dos viais municipais

09/10/2015 O martes 15 de outubro comezarán os traballos para desbrozar 400 kilómetros de pistas nas 21 parroquias do rural.

A próxima semana comezarán os traballos de roza dos viais municipais, correspondentes á campaña de outono. A Xunta de Goberno adxudicou hoxe o contrato á empresa Alcomte Galicia S.L, por un importe de 71.632 euros, IVE incluido (59.200 euros + 12.432 euros de IVE). Está previsto que os traballos arranquen o vindeiro martes, e cheguen ás 21 parroquias do rural compostelán. En total, vanse desbrozar 400 kilómetros lineais de pistas.

Doutra banda, a Xunta de Goberno adxudicou o contrato de mantemento e conservación dos campos de fútbol municipais. Dos traballos vaise encargar a empresa Jardinería Arce S.L, por un importe de 119.787,19 euros, IVE incluido. A adxudicación inclúe o compromiso da empresa de poñer a disposición do Concello 200 m2 de rede recollebalóns.

Inicio dos trámites para a instalación da Pista de Xeo
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o inicio do expediente para a autorización da instalación dunha pista de patinaxe sobre xeo na Alameda, durante o Nadal. O acordo establece un canon mínimo de saída á alza de 1.000 euros.

En materia de subvencións, a Xunta de Goberno acordou solicitar unha axuda do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, para o desenvolvemento de programas de prevención de drogodependencias. Trátase de subvencións que o Ministerio outorga con cargo a bens decomisados por tráfico ilícito de drogas e outros delitos relacionados. A concellería de Políticas Sociais vai solicitar a achega para un programa de prevención de drogodependencias denominado Versión 2.0, orzamentado en 108.000 euros. Desa cantidade, o Concello aportará 32.400 euros, e pídeselle ao Ministerio que aporte os 75.600 euros restantes.

En materia de subvencións, tamén se deu conta da concesión dunha subvención de 2.533,87 euros por parte da Consellería de Traballo e Benestar, para o desenvolvemento de varios programas da concellería de Xuventude.

Compartir: