CONVIVENCIA

O alcalde acompaña aos nenos ao colexio, dentro da campaña Colecamiños

09/10/2015 26 alumnos e alumnas do CEIP Pío XII sumáronse xa ao programa impulsado pola Policía Local para que os cativos vaian andando á escola.

O alcalde compostelán quixo acompañar hoxe aos nenos e nenas que se sumaron á campaña Colecamiños, unha iniciativa impulsada pola Policía Local que persegue que os nenos vaian camiñando ata os seu colexios. O programa estáse a desenvolver a modo de piloto no CEIP Pío XII.

Xunto cos 26 cativos que xa se inscribiron no programa en tres días, Martiño Noriega e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, percorreron a pé o tramo entre a Praza de Vigo e o colexio Pío XII. O percorrido está debidamente sinalizado, con carteis nos que aparece Moito Olliño, a mascota da campaña. Ademáis, os nenos están sendo acompañados nestes primeiros días pola Policía Local e por voluntarios de Protección Civil.

Éxito da iniciativa
O Colecamiños botou a andar o pasado mércores, cunha primeira ruta desde a Praza de Vigo ata o CEIP Pío XII. Hoxe empezou a funcionar o segundo itinerario, desde o casco vello ata o colexio, e nos próximos días habilitaránse as outras dúas rutas deseñadas, desde o Campus Vida e desde Santa Isabel. Trátase de itinerarios dun máximo de 850 metros, e que se poden percorrer a pé nuns 10 minutos. Para facilitarlles as cousas aos pais, nos puntos de orixe resérvanse espazos nos que poden parar uns minutos cos seus coches para deixar aos nenos.

A Policía Local está mantendo reunións con diferentes colectivos, co obxectivo de sumar voluntarios á campaña, que se encargarían de acompañar aos pequenos durante os seus desprazamentos e de garantir a súa seguridade.

Compartir: