ACCIÓN CULTURAL

Curtocircuíto homenaxea a Jørgen Leth

08/10/2015 Un dos elementos que conforman a identidade de Curtocircuíto son as súas retrospectivas, como a dedicada ao canadiano Mike Hoolboom o pasado ano. Nesta ocasión, o danés Jørgen Leth únese ao xa anunciado Aki Kaurismäki como cineasta ao que o festival homenaxea en 2015.

A figura de Leth é dunha relevancia capital na historia do cinema danés. Considerado por moitos membros da xeración Dogma dos 90, coma o "papá" do seu movimiento, mestre do reputado Lars von Trier; o cineasta de Aarhus conta na súa carreira con máis de 40 películas dende os 60. Unha das máis coñecidas é The Perfect Human, estreada xunto a La chinoise de Jean-Luc Godard no
festival de Cannes en 1967. Estudo do corpo humano non exento de ironía, posicionouno como unha das referencias europeas do cinema de vangarda. A inicios dos 2000, Lars von Trier recuperará ese filme e proporalle ao seu mestre volver filmalo cinco veces, con diferentes
obstáculos en cada ocasión. O resultado é The Five Obstructions, que revitalizou a figura de Leth. Estas dúas películas compoñen a primeira das cinco sesións que lle dedica Curtocircuíto.

Mais a obra de Jørgen Leth é moi diversa e, amais de cinema experimental, tamén realizou grandes filmes de viaxes e deportivos, os outros dous elementos nos que se centra a retrospectiva. Xornalista para os medios públicos daneses durante anos na retransmisión do Giro de Italia e o Tour de Francia, da súa experiencia nestas competicións deportivas naceron filmes referenciais como A Sunday in Hell, que segue os pasos de lendas deste deporte como Eddy Merckx ou Ole Ritter, nunha das etapas máis duras do Tour. De especial interese son para os españois Pelota, un dos mellores retratos xamais filmados sobre a pelota vasca; e Michael Laudrup: A Football Player, onde se retrata ao xogador do Barça no mítico equipo de Johan Cruyff, que sentaría as bases do actual e exitoso club. Completan o programa Chinese Ping-Pong e Motion Picture, dúas das súas cintas deportivas máis emblemáticas.

Dos filmes de viaxes, mostraranse as "escenas de América" de Leth, rodadas en dúas visitas, unha en 1982 e outra en 2003, e filmadas nos mesmos lugares con dúas décadas de diferenza. Nelas, compón un retrato dos Estados Unidos a través de varios dos seus símbolos. Mediante o seu contacto con colegas coma o artista por excelencia do pop art Andy Warhol, ou o fotógrafo e cineasta Robert Frank; intérnase amais na escena artística de cada momento. Súmase á sesión New York Street Performers, curioso filme sobre artistas da rúa que Leth rodou en Nova York a inicios dos 80.

A retrospectiva de Leth complétase cunha charla que ofrecerá no Teatro Principal o venres 9 de outubro, aberta a todo o público que o desexe, na que se poderá conversar co mestre danés sobre a súa obra. Amais de cineasta, Leth dá clases na Escola Nacional de Cinema de Dinamarca e na Universidade de Nova York. Continúa a ser un reputado comentarista deportivo.

Compartir: