ACCIÓN CULTURAL

Dezanove concertos na cuarta edición das Xornadas de Música Contemporánea

08/10/2015 A tenente de alcalde do Concello de Santiago, María Rozas; e o director do Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM, Antonio Moral, presentaron esta mañá na Casa do Concello as Xornadas de Música Contemporánea. Fixérono acompañados da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

As Xornadas chegan á súa cuarta edición neste 2015, logo de que se retomaran en 2012 tras 13 anos sen actividade. Coproducidas polo Concello de Santiago de Compostela, o CGAC, a USC e o Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM, son un claro exemplo do froito do traballo e e colaboración institucional. As xornadas contan tamén coa colaboración do Consorcio de Santiago, da Fundación Cidade da Cultura e do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña.

O obxectivo destas xornadas é fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. Neste 2015 celébranse do 10 ao 29 de outubro en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Cidade da Cultura, Paraninfo da Universidade, Afundación e as Igrexas de San Domingos de Bonaval e a Universidade. A cidade encherase de música contemporánea, por tanto, cun total de 19 concertos, dos cales 3 están enmarcados no programa didáctico das xornadas, AdesTempo, e 3 en Off_Contemporánea!!, que engloba as propostas máis alternativas do ciclo: outras músicas, outras visións, outros espazos...

A encargada de inaugurar as xornadas, o sábado 10 de outubro na Cidade de Cultura (Museo Centro Gaiás) será a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba (fillo) e que interpretará obras de Rogelio Groba, que con 85 anos atesoura un catálogo de 700 títulos froitos dunha vida dedicada á composición. As Xornadas queren sumarse á celebración do 50ª aniversario de Manuel Rodeiro e Jesús González nunha homenaxe a dous dos compositores máis representativos da música galega actual. Será co Grupo Instrumental Siglo XX dirixido por Florian Vlashi o martes 13 de outubro no CGAC e no concerto teremos varias estreas, unha delas encargo do CNDM. O mércores 14 a cita será con Vertixe Sonora Ensemble na Igrexa de san Domingos de Bonaval que interpretarán música do compositor milanés Giorgio Netti dentro de OFF_Contemporánea!!.

O venres 16, o dúo galego-portugués KONTAKTEduo faranos cuestionarnos que é a música hoxe co programa ‘Catro pezas febrís’ e o sábado 17 poderemos escoitar ao conxunto estremeño Sonido Extremo que nos presentará dúas estreas absolutas de José Río-Pareja e Juan Cruz-Guevara, obras encargadas polo CNDM. Ambos os concertos serán no CGAC. Pechamos esta semana o domingo 18 de outubro con outras proposta do OFF_Contemporánea da man de pablo_seoane_trem que nos presenta no Teatro Principal a estrea absoluta de ‘La Bestiaire’, composición do pianista ferrolán inspirada na obra de Apollinaire-Poulenc e Dufy.

O luns 19 en Afundación e da man de ‘Os luns do Ateneo’ teremos unha charla-concerto co violinista Florian Vlashi que nos axudará a descubrir outra cara, actual, duns instrumento intemporal: o violín. O martes 20 teremos outra das estreas absolutas encargadas polo CNDM. Neste caso será no salón Teatro co quinteto de ventos Zoar e a obra é ‘Ignis et Terra’ de Federico Mosquera. Ademais, estrearán tamén unha obra de Fernando Buide del Real encargada polo propio quinteto. O mércores 21 de outubro teremos un encontro no CGAC como preámbulo e presentación da estrea de ‘Siempre/Todavía’ cos seus autores: Alberto Corazón (artista plástico) e Alfredo Aracil (compositor). Con total seguridade esta charla contribuirá a gozar de maior maneira do concerto no que poderemos escoitar esta obra e que se celebrará o día 23 tamén no CGAC. Trátase da estrea absoluta dunha ópera sen voces con guión de Alfredo Aracil a partir dos textos de ‘Damasco Suite’ de Alberto Corazón que foi encargada pola Universidade de Navarra e o CNDM.

Tamén o día 23 poderemos escoitar, nesta ocasión no Auditorio de Galicia, á Real Filharmonía de Galicia dirixida por Diego García Rodríguez, novo e emprendedor director galego que fixo da música contemporánea un dos sólidos piares da súa prometedora carreira. O programa que presentan é ‘Frankenstein!! Pan-demonium "macabro e humorístico" de HK Gruber’ no que a orquestra estará acompañada por Julián Rodríguez, ex Siniestro Total, e que completan cunha obra de Thea Musgrave e outra de George Antheil.

De novo teremos unha proposta do OFF_Contemporánea o 24 de outubro, nesta ocasión cunha proposta de Joaquín Meijide, máis coñecido como Xocas, versátil e inquedo clarinetista galego acompañado do poeta Celso fernández Sanmartín como cómplice compañeiro de viaxe en ‘Doubles’, un singular programa de música contemporánea para clarinete.

A Banda Municipal de Música tamén é protagonista nestas Xornadas e poderemos escoitala o domingo 25 no Auditorio de Galicia acompañada do coro de Cantigas e Agarimos e o gaiteiro José M. López ‘Josele’. Dirixidos por Juan Miguel Romero Llopis estarán como presentados do programa Beatriz e Alberto Cancela. Froito da recuperación do arquivo histórico da Banda polo programa Descubrindo as nosas músicas poderemos gozar da inspiración que Rosalía de Castro supuxo no compostelán Pepe Curros (con ‘A orillas del Sar’ e ‘Airiños da miña terra’) e dun valse de Felipe Paz Carbajal. Ademais, tamén teremos dúas estreas absolutas de Simón Couceiro e Mario Diz.

O luns 26 teremos unha proposta dobre do Cuarteto Gerhard que estará no Paraninfo da Universidade e na Igrexa da Universidade con obras de Kurtág, Aracil e Crumb; o martes 27 poderemos escoitar á Camerata OSG no Salón Teatro dirixida por Wladimir Rosinkij e co violinista e guitarra eléctrica Frank Stadler; e o mércores 28 poderemos escoitar ao pianista Francesco Tristano no Paraninfo da Universidade. Nestes dous últimos concertos poderemos escoitar estreas absolutas de varias obras. A clausura das Xornadas deste 2015 farase da man da Orquestra Sinfónica de Galicia o xoves 29 nun concerto no Auditorio de Galicia, dirixido por Arturo Tamayo e no que interpretarán obras de Webern, Macías e Schoenberg.

E por último e non por iso menos importante, destacamos AdesTempo, o apartado didáctico dunhas xornadas que coidan especialmente o fundamental achegamento aos máis novos a música contemporánea e a creación actual, a través de tres variadas propostas en forma de concertos para nenos, novos e familiares. O domingo 18 teremos á Orquestra do Espazo de Cámara da Universidade de Santiago dirixida por Mario Diz e co programa ‘Contos de sempre contados coma nunca. Concerto para caixa de música e orquestra’ no CGAC. O sábado 24 de outubro a Real Filharmonía de Galicia ofrece no Auditorio de Galicia para público familiar o Frankenstein de Gruber acompañados de novo polo ex-siniestro total Julián Hernández e dirixidos por Diego García.

E pechamos o AdesTempo o domingo 25 no Salón Teatro coa proposta ‘Resonancias en movemento, un espectáculo didáctico de danza e percusión’. Nel participan o Grupo de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e o Grupo de percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes nun espectáculo con coreografía de Alba Felpete, Ana Belén Ferreiro, Raquel González e Julia Penado, dirección musical de Diego Ventoso, e presentación e proxecto didáctico de Xoán-Xil López.

Entradas e invitacións
A maior parte dos concertos son con entrada libre ata completar aforo ou mediante invitacións que se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal ou nos das salas onde se celebran. Só son de pago os concertos da Real Filharmonía de Galicia o día 23 no Auditorio de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia o 29 tamén no Auditorio así como a proposta didáctica en AdesTempo da RFG o día 24. As entradas para estas tres propostas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal así como no do Auditorio o propio día do evento.

Compartir: