EDUCACIÓN

Manuel Dios debate con 30 expertos en educación o Plan Educativo de Cidade que elaborará para Santiago

07/10/2015 O concelleiro de Educación expúxolles o documento base a partir do cal os axentes educativos achegarán proposta. O Proxecto Educativo de Cidade (PECi) estará rematado este mes de xuño e servirá de guía para toda a lexislatura

O concelleiro de Educación, Manolo Dios, reuniuse esta tarde cunhas 30 persoas da Facultade de Maxisterio da Universidade de Santiago para trasladarlle a súa idea de crear un Proxecto Educativo de Cidade (PECi) que estea participado por docentes, investigadores, ANPAS e distintas entidades relacionadas co sector educativo compostelán.

Manolo Dios destaca "o interese e o compromiso amosado dos asistentes por facer un proxecto educativo coa colaboración de todos". O concelleiro amósase "moi satisfeito coa acollida que esta idea tivo na comunidade educativa" quen lle transmitiu a súa "ilusión" e "agradecemento" porque o Concello teña en conta a Universidade. Desde o Departamento de Educación achegaranse ademais experiencias de proxectos educativos doutras partes de España como Asturias, Andalucía ou Cataluña.

Os tres piares do PECi serán a participación cidadá, a transversalidade e a proximidade, baseado nun modelo democrático, participativo, laico, galego, universal e gratuíto no que a cidadanía tome parte.

Nas vindeiras semanas asinarase un convenio coa decana da Facultade de Educación para a elaboración dun documento base que sexa o punto de partida para este proxecto educativo de cidade. O concelleiro de Educación conta con debatelo durante este curso escolar ata xuño, cando debería estar acabado e se poderá levar a pleno para a súa aprobación. Manolo Dios quere que este proxecto educativo sexa o froito das achegas de profesionais da educación e que as súas liñas de acción e intervención poidan ser utilizadas durante toda a lexislatura.

Compartir: