IGUALDADE

A praza do Obradoiro encherase o venres de pegadas en prol da igualdade

07/10/2015 A praza do Obradoiro será escenario, o próximo venres, dunha acción creativa que quere ser unha chamada de atención sobre a necesidade de camiñar cara unha sociedade máis igualitaria. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, invitou hoxe á veciñanza a sumarse a este proxecto, que o Concello pón en marcha en colaboración co colectivo Abrollarela.

"O Camiño da Igualdade" é unha actividade que se vai desenvolver o venres, de doce do mediodía a dúas da tarde, e de cinco a sete da tarde. Nesa franxa, calquera que o desexe poderá achegarse ao Obradoiro para deixar, nunha pegada, unha mensaxe en prol da igualdade entre homes e mulleres. Todas esas pegadas de cores formarán camiños cara unha peza artística situada na Praza, unha estrutura coa palabra "Mulleres".

Concello e veciños, da man contra a violencia machista
Marta Lois pediulles aos veciños e veciñas que participen nesta iniciativa, para demostrar que "a cidadanía está comprometida para erradicar a desigualdade". A concelleira lembrou que a violencia machista é a expresión extrema desta desigualdade entre homes e mulleres, e afirmou que o Concello está traballando en distintas propostas para loitar contra ela. Para a concelleira de Igualdade, a violencia machista é un problema de Estado, e debe estar no primeiro lugar na axenda política. Lois tamén reiterou a súa vontade de que o Observatorio Municipal da Igualdade estea funcionando en 2016.

No que levamos de ano, en Galicia rexistráronse catro asasinatos machistas e 33 no conxunto do Estado. Outras seis mortes de mulleres están sendo investigadas. Nos últimos doce anos, a violencia machista deixou 792 mulleres mortas.

Compartir: