FACENDA

María Rozas reúnse coa banca ética Fiare para valorar fórmulas de colaboración

07/10/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, mantivo unha xuntanza coa entidade financeira Fiare GZ, unha cooperativa asociada ao banco Popolare italiano que lle presentou os servizos que prestan.

Con esta xuntanza, o goberno municipal amosa o seu compromiso de promover a banca ética. Fiare transmitiulle á concelleira os seus proxectos dentro da economía social e solidaria e da promoción dunha cultura da intermediación financieira, baixo os principios da transparencia, a participación, a democracia e o crédito como dereito; principios que coinciden coa liña do goberno municipal.

Dende esta entidade manifestan que os depósitos de aforro das persoas e entidades serven para financiar o desenvolvemento cooperativo, os valores transformadores, a agroecoloxía, a cooperación para o desenvolvemento, comercio xusto e loita contra a exclusión social.

María Rozas continuará a reunirse con entidades relacionadas coa banca ética para valorar fórmulas de colaboración.

Compartir: