XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a rescisión do contrato para o derrubamento da Casa da Xuventude

02/10/2015 A Xunta de Goberno acordou hoxe desistir do contrato para a execución das obras de demolición da Casa da Xuventude, un proxecto que xa fora suspendido de forma cautelar pola Xustiza.

O Concello vai indemnizar á empresa adxudicataria, CYS HISPANIA SL, con 5.889,51 euros. É a cantidade que corresponde ao 6 % do orzamento das obras que non se van realizar, tal e como establece a lei.

O alcalde lembrou que o derrubamento xa estaba paralizado por orde xudicial, e adiantou que xa está todo listo para que a Xuta lle devolva o uso do inmoble ao Concello, que é o seu titular. A partir de agora, o goberno local tén previsto iniciar un proceso de participación, para decidir os usos que terá a Casa da Xuventude.

Martiño Noriega explicou tamén que o goberno está valorando a apertura da Praza do Matadoiro ao parque de Belvís, a través da parcela colindante ao edifico. Ao respecto, xa houbo algún contacto coa propiedade dos terreos, unha comunidade relixiosa, que amosou boa disposición para o acordo.

Outros acordos
Á marxe da Casa da Xuventude, a Xunta de Goberno Local acordou iniciar o procedemento para a formalización dunha operación xurídica complementaria do Proxecto de Compensación do SUNP-25 de Roxos. O obxectivo é aclarar as discrepancias detectadas entre o Proxecto de Compensación vixente e a situación rexistral das parcelas de orixe.

O executivo tamén rexeitou hoxe a solicitude para a expropiación dunha finca do SUNP-12 de Lamas de Abade, porque entende que non é competencia da administración local dirimir conflitos de propiedade.

Compartir: