TURISMO

Santiago de Compostela promociónase na feira turística máis importante de Xapón

24/09/2015 Turismo de Santiago participa na Jata Tourism Expo Japan 2015, a mostra de turismo máis importante de Xapón, que se celebra ente o 24 e o 27 de setembro en Tokio. O posto promocional de Santiago sitúase no pavillón de Turespaña. Esta feira reúne os principais profesionais do sector turístico xaponés, touroperadores, axentes de viaxes, xornalistas especializados…, polo que é o punto de encontro ideal para presentar a cidade.

Na última edición da JATA participaron 151 países, cun total de 1.817 mostradores, en representación de 1.129 delegacións. A feira foi visitada por 157.589 persoas, unha cifra que superou as expectativas. Estes datos dan unha idea da magnitude do evento. Pero o relevante é que no que o 86% dos visitantes acostuman viaxar ao exterior e un 71% aproveita para buscar información sobre potenciais destinos para as súas próximas vacacións, especialmente destinos novos para coñecer.

No ano 2014, Santiago conseguiu o seu récord de pernoctacións de turistas xaponeses nos establecementos hoteleiros da cidade, con 7.689, un 19,56% máis que no 2013. Trátase dun mercado de calidade moi interesante para Santiago, xa que conta cun alto poder adquisitivo e un gran nivel de gasto diario. De feito, o gasto medio diario dos turistas xaponeses é o máis alto de todos os turistas que visitan España, con 311 euros ao día neste ano, segundo a Enquisa de Gasto Turístico (Egatur).

O día inaugural da feira, a Oficina Española de Tokio organizará un workshop dirixido aos principais touroperadores, axentes de viaxes e xornalistas xaponeses que traballan co destino España. Neste workshop, Turismo de Santiago presentará a oferta da cidade, atractiva para os turistas xaponeses, especialmente pola patrimonio histórico, a natureza e a gastronomía.

Pernoctacións de turistas xaponeses en Santiago. Datos do INE:

2007: 4.678
2008: 4.036
2009: 4.485
2010: 6.408
2011: 5.473
2012: 6.605
2013: 6.431
2014: 7.689

Compartir: