DEPORTE

Máis de 700 persoas participarán na terceira proba do IV Circuíto CorreSan

18/09/2015 O CorreSan, que cumpre a súa cuarta edición, volve esta fin de semana ás rúas de Santiago cun circuíto dende a Granxa do Xesto ata o Monte do Pedroso no que participarán máis de 700 persoas nas tres modalidades. Trátase da terceira das catro probas previstas dentro do CorreSan 2015, tras a carreira nocturna pola cidade vella do mes de xullo e a celebrada o primeiro día de agosto no barrio de Angrois.

Hai tres categorías: benxamíns e alevíns, que recorrerán 1,2 quilómetros; infantís e cadetes, cun percorrido de 2,1 quilómetros; e a cronoescalada, na que participarán os adultos e que chega aos 3 quilómetros. No caso da cronoescalada, cunha afluencia de 500 persoas, a saída terá lugar de forma escalonada a partir das 11:00 horas e na que os corredores sairán cun intervalo entre 10 e 15 segundos.

A concelleira de Deportes, Noa Morales, destacou a importancia e o respaldo que os composteláns lle están a dar a este evento deportivo, que fomenta o deporte entre os veciños de Compostela. A diferencia doutras probas deportivas, o 80% dos participantes da CorreSan son veciños e veciñas da cidade.

Compartir: