DEPORTE

As rúas de Santiago acollen este sábado a terceira edición da Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia

17/09/2015 A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou a III Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia, para deportistas con e sen discapacidade intelectual. A proba celebrarase este sábado, 19 de setembro, con saída no Monte do Gozo e chegada á praza do Obradoiro. Acompañaron á edil na rolda de prensa o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e un dos participantes, Marcos Sanmartín.

Esta marcha, organizada por Special Olympics Galicia en colaboración coa Asociación ASPAS de Santiago e FADEMGA-FEAPS Galicia, reunirá en Santiago a unhas 130 persoas entre atletas, adestradores, voluntarios e organización. Os ciclistas con discapacidade intelectual serán 33, pertencentes ás entidades PRODEME (Monforte), CHAMORRO (Narón), Fundación ADCOR (A Coruña), e ASPAS (Santiago). Estarán acompañados polos clubs ciclistas C.C + Pedal, Os do Monte Bravo, Club Ciclista Ultreia, Voluntarios Unificados do Club Xuvenil de Santiago e Voluntarios Unificados de Special Olympics Galicia.

Antes da saída dos ciclistas haberá un acto inaugural na praza do Obradoiro, ás 10:45 horas. Alí, un deportista lerá o lema dos atletas de Special Olympics: "Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento".

O percorrido ciclista iniciarase ás 12:30 horas no Monte do Gozo, en dirección á praza do Obradoiro, onde rematará. Logo da clausura a iso das 14:00 horas e tras o xantar, os participantes compartirán diversas actividades de lecer a partir das 16:00 horas.

Punto de encontro
Entre os obxectivos desta marcha está a promoción da práctica do ciclismo entre as persoas con discapacidade intelectual de Galicia e a busca dun punto de encontro no que poidan participar todas estas persoas, gozando dunha xornada deportiva unificada con deportistas doutros clubs. Así, os participantes poden potenciar as habilidades e destrezas para relacionarse.

Tamén é unha oportunidade para concienciar e difundir a imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade intelectual, eliminando barreiras e estereotipos que dificultan a normalización.

Compartir: