ACCIÓN CULTURAL

Curtocircuíto ofrece este mércores unha Noite Curta en colaboración con Wosinc

08/09/2015 Curtocircuíto ten este ano no festival Wosinc un dos seus socios máis importantes. Durante o noso festival, eles organizarán dous dos concertos que anunciaremos en breve. E, por parte de Curtocircuíto teremos dúas proxeccións moi especiais: unha Noite Curta este mércores 9, a partir das 21:30 horas, e a presentación da primeira película rodada en lingua tuareg xa o xoves en Numax.

Este mércores, ás 21:30 horas, na praza de Pratarías, teremos unha sesión dedicada a películas visualmente impactantes, cinema de vangarda para todos os públicos. Esta experiencia abarca tanto propostas documentais como pezas que buscan imbuír ao público nun trance e levar ao límite os seus sentidos. Constará de varios filmes onde o plano sonoro, facendo unha chiscadela ao festival de Wosinc, xoga un papel esencial. Tal é o caso de Noise Test, de Andrea Buono, ou de Lúa, do galego Miguel Mariño. Na selección, grandes nomes como Thorsten Fleisch (Picture Particles) ou Momoko Seto (Planet A), que farán as delicias dos entendidos. A entrada será libre.

A segunda sesión para Wosinc, irmándaos tamén con outro proxecto cultural do que nos sentimos moi próximos na cidade: a sala Numax acollerá a estrea de Akounak Teggdalit Taha Tazoughai o próximo 10 de setembro ás 22:00 horas. Trátase da primeira película rodada en lingua tuareg, toda unha oportunidade de descubrir o cinema africano. Este filme é o resultado dunha campaña de crowdfunding levada a cabo polo seu protagonista e músico, Mdou Moctar, o maior representante do "blues do deserto". Mdou, que fixo vibrar a todo o Primavera Sound co seu directo, actuará tamén no Wosinc. As entradas poden retirarse esta mesma tarde a partir das 20:00 horas no despacho de billetes de Numax.

Compartir: