CONVIVENCIA

O martes 15 de setembro entrarán en funcionamento tres novos fotorroxos

04/09/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, informou sobre a entrada en funcionamento o vindeiro 15 de setembro de tres novos fotorroxos. Estarán situados na rúa Amor Ruibal, fronte ao IES de Pontepedriña e en dirección saída da cidade; na confluencia da avenida Rodríguez de Viguri coa praza de España, en dirección saída; e na avenida Romero Donallo na confluencia coa rúa Frei Rosendo Salvado.

"O obxectivo desta instalación non é recadatorio, senón facer máis seguras as rúas", indicou o concelleiro". Preténdese evitar que os condutores e condutoras salten os semáforos en vermello en zonas de especial perigosidade. Así, apuntou que o semáforo de Amor Ruibal está a carón dun centro escolar, mentres que o fotorroxo de Rodríguez de Viguri ten por fin evitar as colisións nunha zona de alta incidencia de tráfico e visibilidade reducida. Este último factor tamén foi determinante no dispositivo colocado en Romero Donallo.

Lembrou Xan Duro que xa hai instalado un fotorroxo dende agosto de 2012 en Rodríguez de Viguri, na confluencia desta rúa con Concheiros e coa saída das Fontiñas. Dende entón, situou en cinco a media de denuncias diarias a condutores que saltan o semáforo en vermello. Malia isto, engadiu, "a redución da sinistralidade nesta zona foi importante".

En canto ao funcionamento do dispositivo, explicou que, cada vez que alguén supera o semáforo en vermello, actívase o sensor e realiza cinco fotografías, seleccionando as tres máis nítidas: unha antes da liña de detención, outra superando a liña de detención e a terceira ao ter pasado esta liña. Aclarou que detecta tanto os vehículos que superan o semáforo en vermello como os que arrincan co semáforo aínda en vermello.

Finalmente, o concelleiro recordou que saltarse un semáforo en vermello supón unha infracción grave, tipificada con multa de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné.

Compartir: