FACENDA

María Rozas lembra que o incumprimento da regra de gasto xa fora alertado pola Intervención en marzo deste mesmo ano

04/09/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, realizou un chamamento á "responsabilidade" e á "ética política" á hora de analizar a información sobre a situación económico-financeira do Concello, xa que lembrou que están "baseadas en informes de diferentes funcionarios en diferentes períodos de tempo". "Por desgraza – dixo- a mala xestión económica do Goberno anterior non só deixou a cidade sen gran parte dos gastos de investimento prometidos, senón que hipotecou o crecemento da cidade de exercicios posteriores".

A edil recordou que o incumprimento da chamada "regra do gasto " ao que están sometidas todas as administración públicas é un mandato legal, aprobado polo Goberno Central, que obriga a limitar o crecemento do gasto orzamentario dentro dos parámetros aprobados. Atendendo a isto, e segundo se recolle no informe da Conta Xeral e no informe da Intervención municipal sobre a situación a 15 de xuño de 2015, o Goberno local anterior excedeuse nas contas de 2014 en 2.355.437,63 (páxina 19 do informe de Intervención). Con todo, María Rozas recalcou que este incumprimento da regra do gasto non é algo novo, xa que "fora alertado no informe da Intervención sobre a liquidación de marzo de 2015, aínda coa anterior Corporación municipal".

Ademais, no orzamento do 2015 estimouse un 13% máis do límite legalmente permitido, cun exceso de 9,8 millóns de euros.

A Conta Xeral e o informe da Intervención municipal sobre a situación económico-financeira do Concello xa están publicados na páxina web municipal a fin de que calquera cidadán os poida consultar. En calquera caso, o informe sobre a Conta Xeral 2014, no que se menciona o devandito incumprimento da regra de gasto, está a disposición dos diferentes partidos políticos dende hai tres semanas.

Compartir: