CONVIVENCIA

Listo o dispositivo de tráfico e de transporte urbano por mor das concentracións de tractores previstas para a vindeira semana

04/09/2015 O vindeiro luns, 7 de setembro, está convocada unha concentración de tractores polas rúas de Santiago de Compostela, á que están chamados uns 5.000 tractores. Nos tres días seguintes tamén están previstas outras mobilizacións na cidade convocadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Por todo isto, preparouse un dispositivo de tráfico e de mobilidade co fin de minimizar no posible a súa afectación ao tráfico e ao transporte urbano.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta deste operativo e pediu "comprensión" á cidadanía nunhas xornadas nas que se intentará que as molestias sexan as menos posibles. Indicou que os convocantes teñen ofrecido a súa colaboración e expresou o seu desexo de que estas "xustas" reivindicacións sirvan, cando menos, de "apoio á solución do problema".

Segundo explicou Diana Parente, oficial da Policía Local, os tractores concentraranse o luns 7, ás 11:00 horas, en Salgueiriños. Unha hora despois, iniciarán o percorrido polas seguintes rúas: San Caetano, avenida de Castelao, Vista Alegre, Salvadas, Galeras, San Lourenzo, Mestre Mateo, Romero Donallo, Hórreo, avenida de Lugo, Rodríguez de Viguri, Camiño Francés, Irmandiños e Salgueiriños.

Destacou que unha das medidas para minimizar o efecto no tráfico será que queden libres os dous carrís de saída (dirección Pontevedra) da SC-20 e un cando menos de entrada. Tamén se tomarán medidas para que non queden obstaculizados os accesos aos hospitais. En calquera caso, recomendou aos condutores que, no posible, empreguen a AP-9 para desprazarse.

A previsión é que as maiores dificultades de acceso á cidade se presenten pola estrada de Santa Comba. Haberá efectivos da Garda Civil que antes da chegada á cidade desviarán os vehículos por vías alternativas.

Martes a xoves
Na xornada do martes, ás 12:00 horas, os tractores concentraranse nas rúas lindeiras coas áreas comerciais de Área Central e As Cancelas, mentres que ao día seguinte, tamén ás 12:00 horas, os vehículos situaranse nas rúas lindeiras aos edificios administrativos de San Caetano.

O xoves 10, haberá unha manifestación a pé que sairá ás 12:00 horas da Alameda e seguirá por: Senra, praza de Galicia, Fonte de Santo Antonio, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Roque, Basquiños e Pastoriza, ata os edificios administrativos de San Caetano.

Transporte urbano
O servizo de transporte urbano tamén se verá loxicamente afectado por estas concentracións, especialmente pola do vindeiro luns. Segundo explicou o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, a idea é ir actuando en tempo real, estando en permanente contacto cos usuarios a través das redes sociais, dos postes informativos e do teléfono 901 120 054.

Intentarase que centros xeradores de pasaxeiros coma os hospitais estean perfectamente cubertos e ter en todo momento unha vía de comunicación norte e sur, aproveitando a apertura do tráfico en Basquiños.

Estacionamento de Salgueiriños
Finalmente, lembrouse que os tractores se concentrarán no estacionamento de Salgueiriños, polo que a recomendación é non utilizar este aparcamento, empregando como alternativa outros recintos de bordo como os de San Lázaro e Santa Marta.

Compartir: