ALCALDÍA

Martiño Noriega defende o labor facilitador e sensibilizador que debe xogar o Concello con clubs representativos como a S.D. Compostela

26/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu en Raxoi o presidente da S.D. Compostela, Antonio Quinteiro, e o seu vicepresidente, Javier García, cos que falou sobre a nova temporada que o equipo vén de comezar na Segunda B e das necesidades de reforma do Estadio de San Lázaro.

Martiño Noriega referiuse á dimensión de clubs coma o Compostela que, "dalgún xeito, representan á cidade máis aló do deporte de base". Nese sentido, dixo, "o labor do Concello ten que ser facilitador do desenvolvemento da actividade destes clubs".

Ademais do apoio en forma de infraestruturas ou de convenios de colaboración, o alcalde apostou polo labor "sensibilizador" do Concello á hora de "facer un chamamento á masa social e ao tecido empresarial para entender que estes proxectos son positivos para a cidade e provocan un impacto positivo na mesma".

Sobre a situación do Estadio de San Lázaro, Noriega falou do seu "deterioro estrutural" e lembrou que existe un proxecto municipal que estima nuns 3 millóns de euros o investimento necesario para a súa reforma. Indicou que, neste exercicio, están presupostados 200.000 euros e que "haberá que buscar financiamento e vías de colaboración" para realizar as melloras que o recinto necesita.

Ademais, lembrou que un dos proxectos que o Goberno local ten no horizonte para esta lexislatura é facer na zona de San Lázaro un dos "pulmóns deportivos da cidade".

Compartir: