IGUALDADE

Marta Lois reitera a aposta do Goberno local por políticas de xénero transversais e transformadoras

25/08/2015 As concelleiras de Igualdade de Santiago, Marta Lois, e da Coruña, Rocío Fraga, reuníronse en Raxoi. A xuntanza foi unha primeira toma de contacto para tecer redes de colaboración e buscar puntos de encontro no ámbito das políticas de igualdade, marcadas como puntos estratéxicos polos novos gobernos locais das dúas cidades.

Marta Lois lembrou que un dos retos do Concello de Santiago é "implementar políticas de xénero verdadeiramente transformadoras e conseguir que as políticas de igualdade sexan un eixo transversal das políticas municipais". Neste sentido, a concelleira apuntou que, neste ámbito está "todo por facer", referíndose ás "grandes diferencias de xénero no eido do emprego, do desenvolvemento económico ou nas áreas sociais ou culturais".

"O reto é mudar eses estas situacións asimétricas, esta falta de empoderamento das mulleres no espazo social participativo", apuntou Marta Lois. Así o referendou Rocío Fraga, que indicou os vínculos e as experiencias comúns de ambos concellos neste campo e a necesidade de "tecer redes" de traballo.

A xuntanza serviu tamén para avaliar os protocolos e itinerarios existentes en materia de violencia de xénero.

Compartir: