POLÍTICAS SOCIAIS

O Goberno local desbloquea os convenios coas entidades sociais deste exercicio 2015

19/08/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, ofreceu en rolda de prensa datos relativos aos 28 convenios con entidades sociais recollidos nos orzamentos de 2015 e cuxa tramitación se atopaba paralizada. Indicou que se tomou a decisión política de mantelos e de "desbloquear" a situación na que estaban. Destes acordos, 16 xa pasaron pola Xunta de Goberno e están asinados ou pendentes de asinar e outros dez serán tramitados no prazo máximo dun mes, segundo anunciou.

Concha Fernández explicou que había 28 convenios (subvencións nominativas) recollidos nos orzamentos. "Malia que se iniciaron os trámites en abril, non se resolveu ningún deles antes do 13 de xuño, en dous meses. Nese mesmo tempo, dous meses, o Goberno local desbloqueou 16 deses convenios e outros 10 están en camiño", apuntou a concelleira.

Sobre a decisión de manter os convenios, dixo, tomouse por "responsabilidade", porque "temos respecto polo traballo das entidades e tamén porque o labor destas entidades cumpre cunha función social e de atención ás necesidades das persoas". Só se decidiu non asinar dous dos convenios, os correspondentes a Red Madre e á Asociación Centinelas, ao "chocar coas nosas liñas programáticas e compromisos políticos", afirmou Concha Fernández.

Fondo Galego de Cooperación
Ademais destes convenios, a concelleira destacou que o Goberno local regularizou a súa situación co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, "ao que se lle levaba tres anos sen achegar a cota do Concello". Así, tramitouse unha contribución de 8.477 euros polas cotas atrasadas.

Loita contra a emerxencia social
Xa cara o futuro e á hora de afrontar os convenios de 2016 e outras formas de colaboración coas entidades sociais, a edil apostou por unha "racionalización" destas subvencións nominativas e por unhas políticas que "teñen como criterio fundamental garantir a vida independente e digna das persoas, e facilitar e por os medios para que a xente poida valerse por si mesma". Dentro dese marco, dixo, "é prioritaria a loita contra a pobreza e detectar e por solucións ás situacións de emerxencia social".

Documentos relacionados



Compartir: