FACENDA

O Concello de Santiago colaborará co Consello de Contas de Galicia na fiscalización das contas municipais do exercicio 2013

27/07/2015 O Pleno do Consello de Contas de Galicia, dentro do seu Plan de Traballo para 2015, acordou fiscalizar as contas anuais e o estados contables do Concello de Santiago. Así llo vén de comunicar o ente fiscalizador ao alcalde compostelán, Martiño Noriega, nunha reunión mantida durante a mañá de hoxe. Noriega recibiu o informe do Consello e manifestou a "total dispoñibilidade do actual Goberno municipal para colaborar co Consello de Contas".

Segundo se indica no relatorio remitido ao Concello, a auditoría contable incluirá a revisión do orzamento, da liquidación e da conta xeral do exercicio 2013. Tamén se fiscalizará o sistema contable, o control interno e a xestión orzamentaria. Así, analizaranse cuestión como modificacións orzamentarias, recoñecemento extraxudicial de créditos, xestión tributaria, transferencias recibidas, subvencións outorgadas, cargos electos, persoal, contratación e endebedamento financeiro.

O traballo de fiscalización completarase co estudo das magnitudes da liquidación do orzamento do exercicio 2013: resultado orzamentario, aforro neto, saldo non financeiro e remanente de tesouraría (fondos líquidos, dereitos pendentes de cobro e obrigas pendentes de pago). Cómpre indicar que o Consello de Contas de Galicia acordou realizar desta vez a súa fiscalización selectiva entre concellos con poboacións entre 25.000 e 100.000 habitantes.

O Concello de Santiago tamén será fiscalizado en canto ás resolucións e acordos contrarios aos reparos formulados polas intervencións locais, destacando aqueles que puidesen derivar en responsabilidade contable. No caso de Santiago, son 76 os reparos rexistrados e a analizar polo Consello de Contas.

Ademais, fiscalizarase ao Concello no relativo ao volume de recoñecementos extraxudiciais de créditos. En Santiago, no exercicio 2013, o importe dos recoñecementos extraxudiciais de obrigas alcanza os 5.933.049,26 euros (un 6,57%) sobre o total de 90.238.690,89 euros de obrigas recoñecidas.

Compartir: