ACCIÓN CULTURAL

Compostela terá unhas festas do Apóstolo diversas, descentralizadas e abertas, con todas as súas actividades de balde

10/07/2015 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou o programa das festas dos Apóstolo, que arrancarán o venres 17 de xullo co pregón da futbolista santiaguesa Verónica Boquete. Serán 15 días de actividades, todas de balde, as que compoñen un programa marcado por tres eixes: a diversidade, a descentralización e a apertura.

Segundo Branca Novoneyra, serán unha festas diversas en canto a estilos. "Poderemos escoitar dende o reagge de Gentelman and the Evolution e o rockabilly de Imelda May ata a revisión da canción tradicional mexicana de Lila Downs, sen esquecer o hip hop, o soul, o funk, o jazz, o gospel, a música electrónica, o tango, o rock e o folk; sen esquecer espazos de produción propia como a Banda e a Real Filharmonía, ou espazos tradicionais das festas coma o Día do Traxe e a Xornada do Folclore Galego", indicou.

Tamén se referiu á forte presenza no programa das artes escénicas, con teatro, circo, danza ou monicreques, intentando que "a arte volva á rúa" grazas a unhas festas "participadas, creativas e inclusivas, orientadas a un público amplo de idades".

Serán tamén unhas festas "de todos e para todos", cunha programación "expandida no territorio". Proba disto é que as actividades chegan a case 20 puntos do municipio, entre eles os barrios de Fontiñas, Sar, Vite, Conxo, Santa Marta, Nemenzo, Figueiras ou A Gracia, entre outros. Ademais, dixo, "quixermos recuperar espazos emblemáticos das festas como a praza do Toural, achegarnos ás prazas da cidade e volver polas rúas e recunchos escondidos que coñecemos os veciños da cidade e que queremos compartir cos miles de visitantes que recibimos nestas datas".

Artellando
A concelleira referiuse tamén á aposta por "recuperar o pulso e vitalidade da cidade" a través dunhas festas nas que todas as actividades serán abertas e de balde. Ademais, engadiu, "quixemos abrir as prazas -tamén a da Quintana, tantas veces pechada nestes anos- e unha forte presenza de artistas que viven na cidade e constrúen a nosa cultura e unilos nun proxecto orixinal: Artellando".

Artellando é un proxecto que implica a máis de 130 artistas "traballando en rede, construíndo sobre o territorio un tecido cultural orientado a todos os públicos, con actuacións musicais e escénicas coas que queremos provocar experiencias novas", dixo. Esta proposta vivirase entre os días 18 e 23 de xullo, vencellada tamén á programación dos centros socioculturais.

Direccións relacionadas



Compartir: