ACCIÓN CULTURAL

Ars Atlántica interpreta "Rinaldo", de Haendel, no Festival Via Stellae

07/07/2015 Ars Atlántica, dirixida polo compostelán Manuel Vilas, preséntanos unha versión da ópera de Haendel Rinaldo no Via Stellae. Será este mércores 8 de xullo, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. As entradas para este concerto teñen un prezo de 6 euros (e está dentro do Bono do festival). Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

O éxito de Rinaldo foi enorme e supuxo o afianzamento da ópera en estilo e lingua italiana en Londres. Estreada en 1711 no Queen's Theatre, o libreto desta ópera coa que Haendel comezou a construír a súa lenda na capital inglesa está baseada na Gerusalemme Liberata de Torquato Tasso. Deseguida xurdiron as versións e copias da partitura, algunhas con grandes diferenzas. Ars Atlántica preséntanos a realizada o mesmo ano 1711, moi pouco despois da estrea, por John Walsh (editor de Haendel) e que inclúe 33 arias e dúos de Rinaldo. Unha edición funcional, sen dúbida proba do éxito desta ópera, imprescindible para o goce en ambientes privados e reflexo dun tempo no que a ópera e a música tamén estaban presentes, dun modo activo, en pazos e fogares. Unha "ópera de salón" autorizada polo propio Haendel.

Ars Atlántica propón a versión completa do Rinaldo Haendel-Walsh tal como aparece na súa edición: 33 números (arias e dúos) máis o coro final reconstruído a partir dos manuscritos antes mencionados. Omítense, polo tanto, todos os recitativos da ópera e os números instrumentais. Para o elenco vocal, por razóns obvias, os castrados son substituídos por voces femininas.

Segundo explica Manuel Vilas, Rinaldo Haendel-Wash dá os nomes dos artistas que estrearon a ópera: en total, tres voces masculinas de castrados (Rinaldo, Eustazio, Mago), tres voces femininas (Almirena, Goffredo, Armida) e unha voz masculina natural (Argante), ademais dun coro de sereas ao unísono que é substituído na nosa versión por unha voz feminina. O elenco vocal proposto é unha representación de varias xeracións de cantantes españois onde a música de Haendel estivo e está presente nas súas carreiras profesionais. A psicoloxía de cada personaxe, que en Rinaldo está tan notablemente descrita, foi o principal motor para a elección destes cantantes.

Nesta versión, a ampla orquestración queda reducida de violíns, violas, trompetas, óboes, frautas e un numeroso continuo, a dous instrumentos melódicos (frauta e violín) con continuo (tiorba, clave, arpa, viola da gamba, fagot). Como curiosidade, tamén se inclúe a famosa aria de Almirena "Lascia ch'io pianga" na súa versión para frauta solista e continuo tal como a edita Walsh, perfecto exemplo doutra práctica esquecida e da que aquí non é o momento de estenderse: versionar arias vocais para instrumentos melódicos e acompañamento. Esta versión de Rinaldo mira ao pasado musical, ás tradicións inglesas que se resisten ao paso do tempo. Exemplo diso é a inclusión da viola da gamba (instrumento enormemente popular na Inglaterra anterior a Haendel e un dos instrumentos de salón máis populares neste país), que seguiu utilizándose ata practicamente o século XX, ou a arpa, utilizada por Haendel en contadas ocasións (Saul, Esther, Julio César) pero sempre na súa etapa inglesa. Só desexo que este Rinaldo sexa do seu agrado, xa que o escoitarán dun xeito como nunca se fixo anteriormente.

Compartir: