ACCIÓN CULTURAL

Pesca sen morte, obradoiros para bebés e unha saída ao parque acuático de Cerceda nunha nova semana de Vive o Verán

07/07/2015 Continúan as actividades do programa Vive o verán,tanto coas Mañás de verán e de xogo nos centros socioculturais como con outras actividades que están sendo moi ben acollidas polo público.

Este martes e o mércores haberá dúas sesións dos obradoiros con familias e bebés Medrar en familia. Serán ás 17:30 horas no Centro Sociocultural do Castiñeirño e na Casa das Asociación de Cornes, respectivamente. Unha boa oportunidade para que os pais e nais poidan acompañar os seus bebés nunha actividade educativa e de estimulación cognitiva.

Na xornada do mércores 8 realizarase un circuíto saudable polo parque do Paxonal e a zona de Sar, con saída do grupo ás 10:00 horas dende o Centro Sociocultural de Santa Marta. Aínda quedan prazas para este percorrido, dirixido a persoas con boa condición física. A inscrición previa é de balde.

O día seguinte, xoves 9, sairá o primeiro grupo de participantes nas xornadas no parque acuático de Cerceda. Nesta actividade, que completou hai tempo as 50 prazas, tomarán parte rapaces e rapazas de 7 a 14 anos, acompañados por monitores dos centros socioculturais, cos que pasarán o día nestas instalacións acuáticas.

A semana de actividades pecharase o sábado 11 cunha xornada de achegamento á pesca sen morte, dirixida a rapaces e rapazas dende os 6 anos, acompañados por adultos. A sesión terá lugar a partir das 11:30 horas na Granxa do Xesto e será conducida pola Sociedade de Caza e Pesca "A Venatoria".

Por outra parte, e tamén dentro do programa Vive o verán, segue aberta a exposición XX anos de títeres Cascanueces no Centro Sociocultural das Fontiñas. Pode visitarse de 9:00 a 14:00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: