ACCIÓN CULTURAL

Gallaecia Antiqva ofrece un programa entre o Barroco e o Clasicismo no Via Stellae

06/07/2015 O cuarteto Gallaecia Antiqva chega ao programa do Via Stellae na xornada deste martes 7 de xullo. Co programa Despois de Bach… camiño do Clasicismo poderemos escoitalos a partir das 20:30 horas na igrexa de San Fiz de Solovio. As entradas para o concerto son de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas) e, de quedar algunha invitación, unha hora antes do comezo do concerto no propio lugar de celebración.

O programa de Gallaecia Antiqva transita entre os mundos do Barroco e do Clasicismo temperán, co fío condutor das relacións de Johann Sebastian Bach cos seus alumnos e fillos e o carácter internacional da súa música. A un passacaglia e fuga do mestre Bach, inspirado nun tema do compositor francés André Raison, seguen unha das sonatas en cuarteto do violinista francés Louis-Gabriel Guillemain e cadanseu cuarteto do seu discípulo e amigo da familia Carl Friedrich Abel e do seu segundo fillo, Carl Philipp Emanuel Bach.

O cuarteto Gallaecia Antiqva está formado por profesores de conservatorios galegos cunha recoñecida traxectoria en diversas formacións dedicadas á música antiga: Manuel Morales (traverso), David Veiga (violín barroco), Arquímedes Artal (viola da gamba) e Juan José Díez (violoncello barroco).

Os músicos de Gallaecia Antiqva especializáronse nas mellores escolas europeas, cos intérpretes máis afamados dos seus respectivos instrumentos e teñen xa unha recoñecida traxectoria con diversas formacións dedicadas á música antiga.

Compartir: