CULTURA

Friman, Potter, Abramovich e Herningman nunha xornada do Festival Via Stellae na que tamén estará Brais González

01/07/2015 Na xornada do xoves 2 de xullo teremos dúas propostas dentro do Festival Via Stellae. Comezamos ás 20:00 horas na Capela da Orde Terceira con Anna Maria Friman, John Potter, Ariel Abramovich e Jacob Heringman, que presentan o programa Amores pasados… e amores presentes… desdebuxando fronteiras, e continuamos co pianista vigués Brais González, ao que poderemos escoitar ás 22:00 horas no CGAC co programa Espírito barroco#alma atlántica construíndo unhas novas estacións. Este último concerto está dentro da sección do festival Off#Stellae… improvisando!!.

John Potter e Ariel Abramovich solicitaron a coñecidos músicos como Sting, Tony Banks (teclista de Genesis) e John Paul Jones (baixista de Led Zeppelin) que lles escribisen unhas cancións para interpretalas ao laúde. John Paul Jones suxeriulles o arranxo das súas tres cancións españolas "Amores pasados" (tres poemas de Lope de Vega), que dan título a este proxecto no que o cuarteto de "Amores pasados" esvaece a fronteira entre música culta e popular, entre música antiga e nova, combinando a sensibilidade destas figuras do rock coa antiga música de Campion, a do misterioso Mr. Picforth e arranxos para dous laúdes de cancións de principios do século XX de Peter Warlock e E. J. Moeran.

Populares e presentes como poucas obras no imaxinario colectivo, As catro estacións constitúen sen dúbida un referente do Barroco e da historia da música. Probablemente, o carácter "improvisatorio" das liñas melódicas destes catro concertos para violín de Antonio Vivaldi contribuíu a converter a As catro estacións nunha das obras máis versionadas e arranxadas de todos os tempos... Creativo, imaxinativo e inquedo pianista, o vigués Brais González preséntanos a súa versión libre, na que crea un novo marco performativo das aquelas Estacións de Vivaldi, establecendo novas relacións entre os movementos dos concertos, descompoñendo as súas melodías e fragmentando a súa estrutura formal para ensamblar unhas novas Estacións, de herdanza barroca, alma atlántica e son universal.

As entradas para ambos concertos son de balde pero previa retirada de invitacións. Poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas) e, de quedar algunha invitación, unha hora antes do comezo dos concertos poderán retirarse nos propios lugares de celebración dos mesmos.

Direccións relacionadas



Compartir: