CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis de 200 nenos e nenas participan nas actividades das Mañás de Verán e de Xogo nos centros socioculturais

01/07/2015 Co inicio do mes de xullo arrancaron as Mañás de verán e de xogo, incluídas no programa Vive o verán. Un total de 226 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, participan nestas actividades, que se desenvolven nos centros socioculturais de Vite, Conxo, Santa Marta, Fontiñas, Nemenzo, A Gracia e Figueiras.

Conducidas por monitores especializados, ao longo do mes de xullo desenvolveranse diversas actividades de teatro, plástica, reciclaxe, xornalismo, deporte ou monicreques, entre outras. Tamén se farán saídas culturais e de lecer dentro do horario do programa, de 10:00 a 14:00 horas.
Utilizarán o servizo de conciliación, con entrada ás 8:00 e saída as 15:00 horas, 54 familias.

Circuítos saudables
Tamén dende este 1 de xullo e cada mércores do mes, realízanse os circuítos saudables polos parques. Os interesados poden inscribirse para as prazas que aínda quedan dispoñibles nos propios centros socioculturais.

Os circuítos teñen unha duración de 3 horas(10:00 a 13:00 h) e percorren distintos parques da cidade que teñen aparellos biosaudables e entornos próximos, sempre partindo dun centro sociocultural. A participación é de balde.

Exposición de monicreques
Ademais, xa pode visitarse no Centro Sociocultural das Fontiñas, en horario de mañá, a exposición XX anos de traballo da compañía de títeres Cascanueces, con teatriños, títeres e carteis do percorrido desta compañía. A mostra está dirixida a todos os públicos e existe a posibilidade de participar en visitas guiadas os días 6 e 13 de xullo, a partir das 11:00 horas, previa solicitude no centro sociocultural.

Direcciones relacionadas



Compartir: