CENTROS SOCIOCULTURAIS

Últimas funcións da I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado dos centros socioculturais

26/06/2015 Este sábado 27 de xuño celebrarase a última xornada de representacións da I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado dos centros socioculturais. Tres clubs amosarán as súas propostas ao longo do día na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. A entrada é de balde ata completar aforo.

O programa de actuacións comezará as 12:30 horas coa representación de A nosa historia feita de mogollón de historias, creación propia do Grupo de Teatro Infantil do CSC de Santa Marta. Participarán 13 nenos e nenas, dirixidos polo monitor de teatro Diego Vázquez Meizoso. Na representación haberá príncipes namorados, princesas, guerreiros, bruxas, animais que falan... En definitiva, unha historia feita de mil contos.

Pola tarde, ás 19:00 horas, o Club de Teatro de Adultos do CSC de Vite representará a comedia Nin fé, nin café, obra na que participa un elenco de oito actores e actrices. A continuación, o Grupo de Teatro Rocha Forte, porá en escena a comedia A caída do castelo, coa intervención tamén de oito actrices e actores. Ambos clubs están conducidos polo monitor de teatro Xurxo Barcala.

Esta I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado facilita que dez clubs de teatro da Rede de Centros Socioculturais poidan amosar o froito do seu traballo máis alá dos propios centros, facéndose visibles a novos públicos e facilitando o traballo de posta en escena, que é un dos obxectivos destas formacións afeccionadas. É intención do Departamento repetir esta iniciativa en 2016, á vista da boa acollida recibida por esta primeira edición.

Compartir: