CULTURA

A Banda Municipal de Música inicia o seu Ciclo de Verán cun concerto en Praterías

28/05/2015 A Banda Municipal de Santiago comeza este xoves 28 de maio o seu Ciclo de Verán, que incluirá máis de 20 concertos. Solistas, coros, e directores invitados serán cita musical ineludible nos concertos que a Banda ofrecerá ás 20:00 horas todos os xoves na praza das Praterías.

Dentro desta programación de verán, a Banda porá tamén broche de ouro ás festas que os diferentes barrios da cidade celebrarán durante estes meses de estío. Ademais participarán noutras actividades, como procesións, concertos de cámara en centros socioculturais ou celebracións como o Día do Traxe ou o Día de Padrón, incluídos nas Festas do Apóstolo. Unha completa programación musical con variedade de rexistros e escenarios que supoñen un atractivo incentivo turístico-cultural para capital galega.

O repertorio que interpretará a Banda Municipal de Música no concerto deste xoves, baixo a batuta do director adxunto Casiano Mouriño, incluirá obras como Capricho Italiano, de P. I. Tchaikovsky; Danzón nº 2, de A. Márquez; ou A Gran Vía, zarzuela composta por F. Chueca e Valverde, entre outras. Unha boa selección de música para pasar a tarde na Praza das Praterías.

Documentos relacionados



Compartir: