CONSORCIO

Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen dous novos concertos no Paraninfo da Universidade de Santiago

25/05/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa A Escola na Cidade, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, este luns 25 de maio, ás 20:00 horas, os rapaces ofrecerán un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar actuará a percusionista Marta Prado, que interpretará dúas obras: Ilijas, do músico serbio Zivkovic, e Canned heat, do compositor alemán Kopetzki.

A continuación, o trompetista Raúl Ramos achegará ao público parte do Concerto para trompeta de Joseph Haydn e parte do Concerto para trompeta do francés Henri Tomasi. Estará acompañado pola pianista Eriko Ishimoto.

A cita musical concluirá coa actuación do clarinetista Carlos Gay, que tocará fragmentos de catro obras: Sonata para clarinete e piano nº 2, de Brahms; Dance preludes, de Lutoslawski; Tres pezas para clarinete so, de Stranvinsky; e Première rhapsodie, de Claude Debussy. Estará acompañado tamén pola pianista Eriko Ishimoto.

Martes
No concerto do martes 26, tamén ás 20:00 horas, os músicos estarán acompañados pola pianista Simona Velikova. En primeiro lugar actuará a violinista Elena Gómez, que interpretará parte de dúas obras: Concerto para violín nº 4 de Mozart e Concerto para violín de Beethoven. De seguido, o trompista David Sebastián tocará o Concerto para trompa nº 2, do compositor alemán Richard Strauss.

A continuación actuará a violista Ana López, que interpretará parte da Suite nº 6 de Bach e do Concerto para viola do compositor bohemio e virtuoso do violín Carl Stamitz. A cita musical concluirá coa actuación dun quinteto, que achegará ao público parte do Quinteto de trompa e cordas do xenial Mozart.

Compartir: