CULTURA

Continúan as visitas ao Castelo da Rocha

22/05/2015 A Concellería de Cultura continúa co programa de visitas guiadas ao Castelo da Rocha, que leva xa varias semanas en funcionamento. Este programa establece un horario de visitas guiadas, de carácter divulgativo e didáctico, dirixidas tanto ao público en xeral como a estudantes ou colectivos culturais.

As sesións teñen unha duración aproximada dunha hora e media e permiten aos participantes coñecer a historia deste singular elemento patrimonial in situ. Hai tres tipos de horarios en función do público.

As visitas para os colexios están programadas de luns a mércores a partir das 10:00 horas ata o mes de decembro e os grupos deberán ser inferiores a 50 persoas. O horario para os colectivos fixaranse en función da dispoñibilidade, para o que é necesario realizar unha reserva previa a través dos teléfonos 986 572 267 ou 685 680 773, en horario de mañá e os grupos terán que ser inferiores a 25 persoas.

As visitas para o público xeral son os sábados ás 11:00 e ás 18:00 horas, agás o mes de agosto, no que se trasladan ao xoves. As visitas se farán en grupos de 25 persoas como máximo e as reservas poden realizarse a través da páxina web www.rochaforte.info, chamando ao teléfono 981 542 437 (de 9:00 a 14:00 horas) ou nas dependencias da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación na rúa Preguntoiro, 1.

Este é o segundo ano no que se pon en marcha este programa de visitas, tras o éxito do pasado ano, no que participaron 1.332 persoas, das cales 229 foron escolares pertencentes a 10 centros diferentes, 457 de asociacións ou colectivos e 646 de público en xeral.

O Castelo da Rocha é un dos elementos patrimoniais máis singulares do noso concello, en torno ao cal se ven traballando nun proxecto arqueolóxico de estudio, recuperación e posta en valor da fortaleza que logrou un grande impulso coa subvención nominativa do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte dun millón de euros no ano 2012.

Ademais, o Concello aprobou na sesión plenari6a do pasado 15 de abril un Plan Especial do Castelo da Rocha Vella e o seu contorno, coa finalidade de poñer en valor este importante xacemento arqueolóxico.

Compartir: